Política Lingüística edita diverso material didáctico para conmemorar o Día das Letras Galegas

Actualizado: martes, 4 abril 2006 20:09

As publicacións pretenden divulgar a figura do homenaxeado este ano, Manuel Lugrís Freire

A CORUÑA, 4 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe, no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, o material didáctico editado por este departamento con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e que pretende divulgar a obra do homenaxeado este ano, Manuel Lugrís Freire. O acto contou coa presencia da súa titular, Marisol López e a conselleira de Educación, Laura Sánchez.

O material inclúe unidades didácticas para alumnos de Educación Primaria e Secundaria, exposicións de carteis ilustrados, CD-Rom, DVD, experiencias didácticas e unha escolma de textos de todos os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas dende a súa primera celebración, en 1963.

O traballo afonda no papel de Manuel Lugrís Freire. Por esta razón, a presentación do material didáctico se fixo no Instituto Eusebio da Guarda, onde cursou estudios, un centro polo que tamén pasaron Luis Seoane, Gonzalo Torrente Ballester ou Picasso, entre outros.

COLECTIVO EDUCATIVO

No acto, que contou coa presencia de familiares de Lugrís Freire, a secretaria xeral de Política Lingüística indicou que as publicacións pretenden contribuir "a divulgar a figura de Manuel Lugrís entre un amplo abano de público", aínda que precisou que sobre todo están dirixidas ao colectivo educativo.

Así, o material abrangue varias publicacións sobre a figura e a obra de Manuel Lugrís Freire, que naceu en Sada (A Coruña) en 1863. Un dos fundadores da Real Academia Galega no ano 1906, foi o primeiro en dar un mítin político en galego e tamén o fundador do primeiro xoral escrito integramente en galego.

De feito, o traballo presentado hoxe afonda no seu papel como defensor da dignificación da lingua galega e como home polifacético que centrou os seus esforzos nesta tarefa. A secretaria xeral de Política Lingüística recordou o seu interese na construcción dun teatro galego con clara mensaxe social ata os seus contos de vocación popular e a redacción da primeira gramática en galego.

As unidadades didácticas presentadas hoxe organizanse en dúas partes e varias bloques. Unha parte común dispón de informacións especialmente dirixidas aos profesores e otura específica de actividades plurais para os alumnos. Tamén inclúe materiais cos que traballar nas aula e lembrar a Lugrís e a súa obra.

DISTRIBUCION

O material vaise enviar, ademáis de a todos os centros educativos de Galicia, aos de Castela e León que seguen o programa de lingua galega, aos servicios de normalización, aos concellos de Galicia, aos centros galegos do exterior, aos sindicatos do ensino e outras organizacións. En total repartiranse en 1.962 puntos.

Nas publicacións presentadas hoxe figuran a escolma do Día das Letras Galegas 'De Rosalía a Manuel Lugrís', que se ofrecerá como agasallo durante o mes de maio en todas as librerías de Galicia a quen merque un libro en galego. Deste xeito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística súmase á celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil para fomentar a lectura de obras en lingua galega.