Preto de 300 motoristas participarán o próximo domingo na III Concentración motera do Concello de Oleiros (A Coruña)

Actualizado: viernes, 25 agosto 2006 13:56

A CORUÑA, 25 Ago. (EUROPA PRESS) -

O vindeiro domingo, día 27 de agosto, a Praza da Rabadeira de Oleiros acollerá a que será a III concentración motera Concello de Oleiros (A Coruña). O evento, organizado por un grupo de afecionados e amantes das motos, dará comezo ás 10.00 horas coa apertura de inscricións onde os participantes deberán abonar 2 euros en concepto de anotación, recibindo a cambio unha camiseta conmemorativa do acto e un vale desayuno.

Arredor das 11.00 horas está previsto que preto de 300 motos comecen a súa andaina por diferentes localidades do Concello de Oleiros. O primeiro punto de destino será a parroquia de Dorneda, desprazándose a visitar a urbanización Rialta.

A continuación, dirixiránse ata Veigue para chegar ata o Porto de Lorbé, a Costa de Dexo, urbanización O Xunqueiro e o Faro de Mera, que este ano non poderán visitar xa que se atopa aberto ó público e a presencia dun número tan elevado de monturas podería dificultar a súa actividade cotiá entorpecendo as visitas guiadas que alí se desenvolven.

Tras visitar as localidades de Mera, Breixo, Liáns e Bastiagueiro haberá unha parada obrigada no Campo de As Galeras para repoñer forzas para emprender novamente o percorrido cara Santa Cristina, Nirvana e Montrove. San Pedro de Nos e Iñás serán os últimos puntos dun tranquilo paseo que rematará no punto de partida.

O PASEO DOS MÁIS CATIVOS

Unha das actividades máis destacables e atractivas tanto para os participantes como as os centos de espectadores, que cada ano observan o paso das monturas, é o percorrido urbano polas inmediacións da Casa Consistorial de Oleiros cun grupo de cativos que agardan con nervios e ilusión o seu tradicional paseo en moto.

Trátase dun percorrido de 3 quilómetros, a marcha lenta, coa única finalidade de entreter e divertir a estes pequenos moteros. A continuación haberá un aperitivo para os asistentes e de seguido, todas as personas inscritas para participar na comida campestre, con aforo limitado para 150 comensais previo pago de 6 euros, dirixiranse ó campo do Condús, onde a partires das 15.00 horas poderán degustar diversos pratos típicos a base de callos, empanada e xamón asado.

Pola tarde realizaranse diversas actividades lúdicas e musicais entre as que cabe destacar a celebración de numerosos xogos populares e tradicionais.

Dende a organización confían en acadar un alto nivel de participación ante a espectación xurdida en edicións anteriores con máis de 200 motos chegadas de diversos puntos da xeografía galega e dado o interese turístico e divulgativo dunha marcha que pretende conxugar afeción polo motor e natureza, visitando cada un dos núcleos que conforman o municipio.

Dende o Concello de Oleiros se colabora na organización do evento mediante a posta en marcha dun dispositivo especial de seguridade que, nesta ocasión , se verá incrementado coa dotación dun vechículo e dúas motos da Policía Local así como un equipo de voluntarios de Protección Civil encargados de velar pola seguridade vial dos asistentes e unha correcta fluidez do tráfico rodado.