Preto dun cento de escolares das montañas de Lugo e Ourense participarán nunha expedición marítima polas Rías Baixas

Actualizado: jueves, 29 junio 2006 15:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

Preto dun centenar de escolares das montañas de Lugo e Ourense, residentes en municipios con parques naturais ou espazos protexidos da Rede Natura 2000, participarán entre o sábado e o vindeiro mércores na expedición Ultreia 2006, unha viaxe marítima polas Rías Baixas, entre Muros e Vigo, que organiza a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A expedición marítima, a bordo dun veleiro dos anos 30, o 'Nauja', comezará o sábado en Muros e rematará o mércores en Vigo, tras facer escalas nos portos de Ribeira, Vilagarcía, O Grove, Marín e nas illas Sálvora, Ons e Cíes. Medio Ambiente inclúe nesta inciativa actividades de educación e divulgación ambientais para descubrir aos rapaces o patrimonio histórico, artístico, cultural e natural das costas galegas.

O periplo é unha reedición da primeira xira marítima que realizou en xuño de 1932 a organización xuvenil Ultreia. Esta fundación, que chegou a ter 2.500 afiliados, naceu da man do profesor Álvaro de las Casas e de integrantes da Xeración Nós como Vicente Risco, Otero Pedraio, Xocas e Castelao e nela participaron mozos naqueles anos como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Isidro Parga Pondal ou Xosé Filgueira Valverde, hoxe todos recoñecidos persoeiros do mundo da cultura galega.

Medio Ambiente organiza esta iniciativa a instancia da Fundación Premios da Crítica de Galicia e conta coa colaboración de Caixa Galicia e da Asociación Álvaro das Casas. Na expedición, participarán acompañando aos escolares representantes da sociedade e da cultura galegas.

Así, estarán, entre outros, Francisco Fernández del Riego, que era secretario da organización Ultreia cando celebrou a xira marítima de 1932; o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín; o membro da Real Academia Galega, Xesús Ferro Ruibal; o presidente da Fundación Premios da Crítica de Galicia, Xosé González; o xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá; e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela.

SENSIBILIZACIÓN

Precisamente esta iniciativa de educación ambiental foi presentada hoxe en Santiago de Compostela polo director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, e por algúns dos participantse como o fiscal-Xefe do Tribunal Supremo de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela; e tamén por Rufo Pérez, que participou na xira dos anos 30; e outros persoeiros.

Na presentación, Xosé Benito Reza explicou que a rememoración da expedición marítima 'Ultreia' supon lembrar "un fito histórico" e, ao mesmo tempo, contribuir a desenvolver acciones de educación e sensibilización ambiental entre os máis novos.

Pola súa banda, Carlos Varala, quen é o fiscal-xefe do TSXG e colaborador das entidades que participan nesta iniciativa, explicou de considera interesante unha nova pedagoxía da natureza porque, asegurou, "fora da natureza non hai futuro". Defendeu tamén conservar, acrecentar e adecuar os espazos naturais para as xeracións futuras.