SANTIAGO 26 Ene. (EUROPA PRESS) -
O decano de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Miguel Túñez López, o decano de Ciencias de Comunicación da Coruña, Antonio Sanjuán Pérez, e o da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Xaime Fandiño, participaron hoxe nunha mesa de traballo con representantes da empresa e da parte social da CRTVG e as súas sociedades para establecer unha nova definición de familias ocupacionais e categorías profesionais que se adapten ás novas tarefas e tecnoloxías audiovisuais, e aos novos plans de estudos e titulacións.
Nun comunicado, a CRTVG sinalou que a mesa de traballo constituíuse na procura dun mellor funcionamento da CRTVG e das súas sociedades, acorde cos novos tempos que se viven no audiovisual, "constantemente marcado polos avances tecnolóxicos". Tamén se pretende que a formación que reciben os estudantes sexa o máis axeitada posible á realidade do mundo profesional.
Paralelamente, a CRTVG mantén abertos outros oito grupos de traballo para adecuar as familias de ciclos de formación profesional, e van a convocarse en próximas datas reunións cos vicerreitores de extensión académica das tres universidades galegas para o resto de categorías que tamén requiren unha titulación superior.
As tres facultades participantes forman en Galicia aos redactores e locutores, titulados superiores que elaboran os contidos da radio e da televisión, e aos produtores e realizadores, que fan posible que eses contidos se materialicen nuns programas ou formatos determinados.