A revista Murguía publica un monográfico sobre Ánxel Casal como homenaxe aos torturados e represariados da Guerra Civil

Actualizado: lunes, 6 marzo 2006 18:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Mar. (EUROPA PRESS) -

A revista galega de historia 'Murguía' publicou un monográfico sobre Ánxel Casal como homenaxe á figura do galego e dos torturados e represariados da Guerra Civil, e para levar a investigación científica de carácter histórico á sociedade.

Segundo explicou hoxe o director da publicación, Uxío-Breogán Diéguez, nesta edición, que se corresponde cos números sete e oito da revista, realizouse un percorrido por Galicia durante o primeiro tercio do século XX, época na que viviu Ánxel Casal.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura de Santiago de Compostela, Néstor Rego, considerou "moi oportuna" a saída deste número xa que "constitúe unha ponte" entre o ano 2005, adicado a Ánxel Casal; e o 2006, Ano da Memoria.

Deste xeito, argumentou que se conmemora o 70 aniversario dos "tráxicos sucesos" do 1936 e os 150 anos da constitución do Banquete de Conxo, que supuxo un antecedente para a elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia.

O concelleiro de Cultura destacou "o esforzo de investigación e de rigurosidade" que significou a elaboración deste monográfico, que se converte deste xeito nunha publicación de referencia, xa que, segundo considerou, "a mellor forma para que non se repita a historia é coñecela".

GALEGUISMO NA EMIGRACIÓN

Diéguez indicou que no groso da obra hai referencias ao nacionalismo en América do Sur dende a segunda metade do século XIX ata a primeira do XX. Tamén se inclúe un percorrido deste movemento político no periodo da II República que entronca coa propia biografía de Casal, asasinado en agosto de 1936 debia á súa militancia no partido galeguista.

Segundo o director de 'Murguía', "non se pode entender a historia de Galicia" sen a figura de Ánxel Casal, tanto polas súas publicacións en A Nosa Terra ou Nós; como pola súa vinculación política, que lle levou a alcaldía do concello compostelano.

Asemade, destacou a sección de investigación que recolle a revista na que se recolle a "arquitectura da represión", como foron os campos de concentración da zona do Valmiñor e a illa de San Simón.