Sanidade constata un "leve descenso" do consumo de tabaco e aposta por atrasar o inicio neste hábito aos 15 anos

Actualizado: sábado, 9 septiembre 2006 15:18

Estuda as alegacións presentadas por colectivos e modificará algúns apartados do proxecto autonómico da Lei antitabaco

SANTIAGO DE COMPOSTEla, 9 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Sanidade constatou un "leve descenso" no consumo do tabaco dende a entrada en vigor da Lei antitabaco, o 1 de xaneiro deste ano, e aposta por atrasar o inicio neste hábito dos 14 aos 15 anos de idade, para diminuír o número de persoas fumadoras.

Así o indicou a Europa Press un dos técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, Sergio Varela, quen explicou que o principal obxectivo deste departamento se basea en atrasar o inicio do consumo, posto que "está demostrado" que esta práctica se consolida, de media, dous anos despois de probalo por primeira vez, e porque con este atraso "tamén se reduciría en número de fumadores".

Por iso, o departamento que dirixe María José Rubio deseñará distintas iniciativas de prevención para informar a xuventude sobre o "problema do tabaquismo". Ademais, programará actividades asistenciais e formativas dirixidas á poboación fumadora co obxectivo de favorecer o abandono deste hábito.

APLICACIÓN DA LEI ANTITABACO

Por outra parte, o técnico de Saúde Pública recordou que a aplicación da Lei antitabaco é de "obrigado cumprimento" dende o 1 de setembro e que a consellería xa presentou un proxecto de decreto para desenvolver a normativa estatal. Neste sentido, apuntou que recibiron unha ducia de alegacións dos distintos colectivos implicados, polo que modificarán o borrador inicial.

En concreto, a conselleira de Sanidade anunciou a retirada do artigo 2 no que se recollía a prohibición da venda de tabaco, a través de máquinas expendedoras, aos establecementos de menos de 100 metros nos que os hostaleiros si decidiron permitir o consumo de tabaco.

Ao respeto, o presidente da Confederación de Hostaleiros de Galicia (Cehosga), Juan Silva, subliñou a Europa Press que a retirada deste artigo constitúe "unha boa noticia" e que "é de sentido común", sobre todo porque afectaba ao ámbito rural, onde os locais hostaleiros postúlanse como "únicos puntos de venda, en moitos casos".

Non obstante, o técnico de Sanidade defendeu a inclusión deste punto no primeiro borrador do decreto autonómico, posto que este departamento "pretendía descender a oferta" de tabaco aos menores de idade, á vez que "equiparar" os establecementos de menos de 100 metros cadrados.

Pola súa banda, Silva recoñeceu que a lei "é para todos" e "toque a quen lle toque" os sectores implicados terán que cumprila. Non obstante, avogou por que a Administración galega teña en conta o resto das alegacións presentadas na Consellería de Sanidade que, ao seu xuízo, tamén "son importantes".

INSPECCIÓNS E SANCIÓNS

En relación ás inspeccións para controlar o cumprimento da nova lei, Sanidade insistiu en que os establecementos de máis de 100 metros cadrados que non realizasen as obras de separación deberán manter o cartel de prohibido fumar ata que estean finalizadas, posto que as inspeccións deste departamento sancionarán aos locais que non atendan esta normativa.

O presidente de Cehosga desculpou que "a maioría" dos establecementos hostaleiros "non executasen as reformas", xa que "reina a incerteza" sobre o decreto autonómico e considerou "un risco" inverter nestas obras.

Así, Silva apuntou, entre os motivos por este atraso na execución de obras, que hai locais que son alugados e que os donos "non conceden autorización" para modificar a súa estrutura. Asemade, indicou que nos establecementos situados nos cascos históricos das cidades, é a propia Administración, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a que "non permite" a realización de obras.

Deste modo, o presidente da Confederación de Hostaleiros de Galicia reclamou ao Executivo galego que "velar" polos intereses deste sector, co obxectivo de que os establecementos "poidan atender do mellor xeito" a todos os clientes, tanto aos consumidores de tabaco como aos non fumadores.

NOVAS TECNOLOXÍAS

O decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de A Coruña (Coeticor), Edmundo Varela, subliñou a Europa Press a posibilidade de buscar no mercado "solucións nas novas tecnoloxías", para garantir a extracción de fumes no local, "sen recorrer a guetos". Deste modo, concretou que se conseguiría "cumprir coa lei" e manter unha "mellor estética" do local.

Por iso, Coeticor acollerá unhas xornadas nas que analizarán as técnicas para garantir o dereito dos non fumadores "sen facer muros de Berlín". Entre as alternativas, Varela propuxo un estudio da zona onde se instalarían os aparatos de extracción de fumes que, segundo destacou, deixarían un "ambiente limpo e respectarían a normativa".

Ademais, Edmundo Varela reclamou á Administración unha "pequena modificación" da normativa estatal na que se teña en conta a existencia de "alternativas técnicas", que contan cun custo similar ao do desembolso económico que os propietarios dos establecementos deberán realizar para adaptarse á lei.

Neste sentido, o técnico de Saúde Pública indicou que "non descarta" posibles cambios na Lei antitabaco no futuro, pero incidiu en que antes da súa aprobación, o Ministerio de Sanidade realizou distintos estudios e consultou a países estranxeiros con experiencia neste sentido, polo que "descarta a existencia" dun método "mellor" para illar aos non fumadores dos fumes do tabaco.