Santiago acolle desde mañá un encontro de blogs de Galicia e Portugal, que está organizado polo CCG

Actualizado: martes, 18 abril 2006 18:56

Diferentes expertos debaterán sobre as cuestións globais que afectan aos bitácoras e aos movementos sociais na rede

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará desde mañá o "EnBlogs'06: Encontro de blogs de Galicia e Portugal", no que os participantes reflexionarán sobre os grandes e pequenos temas que rodean a creación de bitácoras. O encontro contará coa participación de destacados blogueiros, expretos en bitácoras e máis de 150 inscritos.

Segundo informou hoxe o CCG, este encontro quere servir para propiciar que os membros da comunidade blogueira galega e portuguesa e todos os interesados nos novos fenómenos de comunicación en Internet poidan debatir, reflexionar e intercambiar coñecementos sobre cuestións como a tecnoloxía, o marco legal, os cambios sociais, as experiencias persoais e colectivas de creación, difusión e distribución de información e ideas a través dos blogs.

Durante "EnBlogs'06" presentarase Blogoteca, o primeiro sistema gratuíto de creación e xestión de blogs en galego. Ademais, daranse a coñecer dous importantes estudos sobre a blogosfera galega, sobre as súas características e perfís, o sociólogo Fernando Garrido (Observatorio da Cibersociedade) fará públicos os datos galegos da III Enquisa a Webloggers, e a investigadora Silvia Canabal, do Grupo de Novos Medios da USC, amosará os resultados dun estudo sobre a demografía blog en Galicia. A Sección de Comunicación, que analiza dende hai máis dunha década os cambios producidos na comunicación e na sociedade pola irrupción das novas tecnoloxías, xustifica este encontro porque "non podía ser allea ao fenómeno dos blogs: diarios persoais na web e o formato emerxente máis coñecido deste novo movemento".

Na actualidade, cóntanse por centos o número de blogs activos en Galicia e Portugal que, en moitos casos, comparten e intercambian ideas e contidos. Este fenómeno forma parte da tendencia que nos últimos anos levou a Internet a gañar unha importante dimensión social. Ferramentas accesibles e unha maior facilidade no acceso á informática facilitan a proliferación de novas voces que enriquecen a cultura, multiplican a presenza da lingua galega na rede e abren novos camiños para a comunicación, a creación e o intercambio de ideas.

PONENTES

Para dar conta desta tendencia, o EnBlogs'06 está pensado como unha xuntanza dun día de duración. Pola mañá, diferentes expertos debaterán sobre as cuestións globais que afectan aos blogs e aos movementos sociais na rede. Marcus Fernández (codigocero.com) falará sobre o futuro dos blogs e as últimas tendencias tecnolóxicas asociadas a esta ferramenta; Fernando Garrido (Observatorio da Cibersociedade) describirá como medra a sociedade blog e Víctor Salgado (Avogado, Pintos & Salgado Asociados, A Coruña) e Javier de la Cueva (Avogado, Barcelona) analizarán os dereitos de autor e marco legal en Internet.

Pola súa banda, Silvia Canabal (Grupo de Novos Medios da USC) e Manuel Pinto (Universidade de Braga) exporán a demografía blog en Galicia e Portugal e Amador Loureiro (dorfun.bitacoras.com) a sindicación de contidos.

Pola tarde, dez blogueiros contarán en primeira persoa as súas experiencias de creación. Como nas propias bitácoras, todas as intervencións serán puntos de partida para unha conversa aberta a quen desexe participar desde o público.

A primeira mesa será sobre "A creatividade dixital asociada ás bitácoras" e seguiralles outra mesa sobre "A diversidade das historias". Posteriormente, Manuel L. Pan, da empresa Abertal, presentará Blogoteca, o primeiro sistema de blogs en galego. Por último, Juan Varela (periodistas21.blogspot.com) falará sobre "Xornalismo de cidadáns, un novo desafío para o xornalismo de calidade".

BLOG OFICIAL

Para rematar, o encontro de blogueiros trasladarase entón ao Casino de Santiago, onde baixo o título "Beers & Blogs" terá lugar un encontro informal e aberto a calquera que queira compartir experiencias cibernéticas. Está previsto que o blog oficial do encontro (consellodacultura.org/enblogs) recolla as intervencións, os documentos e os debates que se produzan.

O encontro está organizado por Xosé López, coordinador da Sección de Comunicación do CCG; Rosa Aneiros (Sección de Comunicación) e Manuel Gago (director de culturagalega.org), ademais de contar con outros persoeiros como intergrantes do Comité Científico. EnBlogs'06 entróncase coa celebración do VII Congreso Internacional da Comunicación Lusófona en Compostela (LUSOCOM), un evento de grandes dimensións que reunirá a profesionais e investigadores dos diferentes ámbitos da comunicación lusófona no mundo a partir do día 20 de abril de 2006.