Santiago contará a partir de 2008 cunha nova biblioteca pública financiada polo Goberno e xestionada pola Xunta

Actualizado: jueves, 6 diciembre 2007 13:23

O centro terá acceso vía internet a publicacións e recursos on-line e está previsto que os usuarios dispoñan de Wifi

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Dic. (EUROPA PRESS) -

A capital de Galicia contará no primeiro trimestre de 2008 cunha nova biblioteca pública, financiada polo Goberno central e xestionada pola Xunta de Galicia. O edificio deste centro, que responde a un proxecto do arquitecto Andrés Perea, inclúe diversas áreas e entrará en funcionamento cun fondo de 60.000 títulos de diversos materiais.

Segundo a información recompilada por Europa Press, a construción do edificio da nova biblioteca conta cun presuposto de 7,11 millóns de euros e a obra entrégase este mes, aínda que a entrada en funcionamento non se producirá ata "o primeiro trimestre de 2008", unha vez que se fagan todos os traballos necesarios para o funcionamento pleno do servizo, sobre todo no referido a empréstito.

O edificio, situado na Avenida de Xoán XXIII nun solar de 4.104 metros cadrados que foi cedido polo Concello de Santiago, é titularidad do Ministerio de Cultura e vínculase coa Rede de Bibliotecas Públicas do Estado --composta por 52 centros dependentes da Dirección General de Libro, Archivos y Bibliotecas--; pero as 37 persoas que integran o equipo e a dotación de fondos, así como a propia xestión do centro corresponderá á Consellería de Cultura.

As previsións son que a nova Biblioteca Pública de Santiago de Compostela conclúa este mes de decembro ou a principios de xaneiro a instalación de mobiliario e equipamento informático --este é proporcionado polo Ministerio de Cultura--. Este centro contará con rede Wifi, aínda que están por definir as condicións de acceso dos usuarios a este servizo; e haberá sesenta postos de ordenador dispoñibles para os usuarios. Tamén está previsto o acceso vía internet por un portal a publicacións e recursos on-line de todo tipo.

60.000 TÍTULOS.

Segundo detallaron a Europa Press fontes da Consellería de Cultura, estas instalacións abrirán ao público con 60.000 títulos de diversos materiais, dos que 20.000 estarían en depósito --aqueles máis antigos e na súa maioría procedentes da anterior biblioteca de Casas Reais-- e outros 40.000 máis novos que estarán en estantes e serán de acceso directo aos usuarios. Actualmente, están xa catalogadas e introducidas en bases de datos bibliográficos, máis de 42.000 obras.

Así, a Biblioteca Pública de Santiago ofrecerá "unha colección ampla, atractiva e actualizada" que estará formada por fondos de referencia, colección infantil, novidades, coleccións de banda deseñada, publicacións periódicas, música, DVD's e programas de ordenador. A Xunta, a través da Consellería de Cultura, inverteu ata agora 300.000 euros en exemplares para os fondos desta biblioteca e prevé destinar outros 200.000 no ano 2008.

ESTRUTURA DO EDIFICIO.

O edificio de Xoán XXIII, responde a un proxecto de 2001 do que é autor o arquitecto Andrés Perea e de Roberto Medin, consta de 5.462 metros cadrados construídos en cinco alturas, e ten un enorme pano de cristal como fachada. A sección infantil ocupará toda unha planta, a primeira, que conta con capacidade para 30.000 documentos. No segundo nivel do edificio instalarase a área de fondos xerais, con lugares para exposición e consulta rápida, un espazo que pode gardar 100.000 documentos e material audiovisual.

A terceira planta desta nova Biblioteca de Santiago será unha área de consulta e traballo de documentos, con espazos de apoio e que albergará o fondo especializado na cidade. Por último, a cuarta planta destinarase á zona de traballo interno do centro.

O centro terá un equipo de 37 persoas, entre técnicos superiores, auxiliares de arquivos, subalternos e ordenanzas. Parte deste cadro de traballadores realiza actualmente traballos para o Centro Superior Bibliográfico de Galicia e da Biblioteca Antiga de Casas Reais. Actualmente, seis auxiliares están introducindo rexistros no programa informático utilizado nos fondos bibliotecarios.

Inicialmente, o proxecto estaba previsto que se executase entre 2002 e 2004, pero as obras estiveron paralizadas e foi necesaria unha nova programación que posibilita que, finalmente, esta nova biblioteca poida estar en funcionamento en 2008.