Un simposio reunirá en Santiago do 11 ao 13 de maio a expertos e protagonistas dos anos de ditadura e exilio

Actualizado: miércoles, 3 mayo 2006 21:14

Busca facer unha reflexión aberta á comunidade universitaria e á sociedade sobre os anos de ditadura en Arxentina e Uruguai

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 May. (EUROPA PRESS) -

O departamento de Historia Contemporánea e de América e o Centro Interdisciplinar de Estudos Americanistas 'Gumersindo Busto' (CIEAM) organizan do 11 ao 13 de maio o III Simposio Internacional 'Itinerarios políticos da esquerda revolucionaria en Arxentina e Uruguai. Golpes, ditaduras e exilios' con motivo o pasado mes de marzo do trinta aniversario do golpe de estado co que comezou a última ditadura arxentina.

O encontro foi presentado hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o profesor da USC Eduardo Rey Tristán, e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Eduardo García Rodeja, que estiveron acompañados da directora do CIEAM, Pilar Cagiao, e a directora do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago (USC), Chus Baz.

Os organizadores do simposio, que se desenvolverá nas Facultades compostelás de Xeografía e Historia e de Filosofía, queren facer unha reflexión aberta á comunidade universitaria compostelá e á sociedade galega sobre os anos de ditadura tanto en Arxentina como en Uruguai -que lle precedeu na apertura daquela dura etapa-, así como sobre as súas repercusións políticas, sociais e humanas, con especial atención aos exilios que se produciron.

Deste xeito, proponse un foro científico e cultural con especial interese nos propios protagonistas do proceso histórico, exiliados e inmigrantes recentes. Con ese fin, o encontro contará con conferencias de recoñecidos especialistas de universidades españolas e latinoamericanas, con charlas dos protagonistas daqueles anos que viviron a dobre experiencia das ditaduras nos seus países e o exilio con diversas mesas de debate.

Así, o simposio reunirá a académicos e profesores de España e Latinoamérica como Eugenia Aller, do Instituto de Investigacións Filosóficas da Universidade Nacional Autónoma de México; José Luis Barreiro, da USC; Benedetta Calandra, da Universidade de Bergamo; Enrique Coraza e Guillermo Mira Delli-Zotti, da Universidade de Salamanca; Silvia Dutrénit, do Instituto Mora de México; e Gonzalo Varela Petito, da Autónoma Metropolitana de México.

Asemade, intervirán ademais os xornalistas Samuel Blixen, do semanario uruguaio Brecha, e Andrew Graham-Yool, director do Buenos Aires Herald, a nai galega da Praza de Maio Dionisia López, a activista en dereitos humanos Sara Méndez, e a ex militante Montonera Pilar Calveiro, entre outros.

A temática non so é de interese por canto se trata de datas sinaladas da evolución política e histórica riopratense, senón tamén porque é, en certa medida, "unha páxina máis da historia de Galicia e das súas relacións, tan profundas, con aquelas terras", sinalou Eduardo Rey.

PROCESO HISTÓRICO

Nunha inversión dun proceso histórico que arrancou no século XIX, alomenos nas súas formas masivas, Galicia comezou a recibir dende os anos setenta un fluxo continuo de descendentes daqueles que emigraran ao Río da Prata anteriormente, e doutros que a través dos primeiros coñeceron e se achegaron no imaxinario colectivo á comuniade galega.

Tratábase dos exiliados das ditaduras, primeira vaga de inmigrantes -políticos neste caso- latinoamericanos, que recentemente se está vendo incrementada de forma considerable polas remesas de aqueles aos que a economía dos seus países expulsa cara a nosa terra.

A recuperación destas redes comúns, destes penúltimos episodios dunha xa longa e sólida relación humana e social, é obxecto de interese dende a comunidade científica compostelá, e moi especialmente dende o departamento de Historia Contemporánea e de América e dende o CIEAM, que inaugura a súa actividade pública con este encontro.

O simposio recolle o testemuño de anteriores convocatorias levadas a cabo na Universidade de Salamanca e que contaron coa presenza de investigadores da USC. Ademais, o evento acolle unha serie de actividades paralelas como a presentación de libros ou un recital musical.

Está previsto que o xoves 11 o director do Buenos Aires Herald, Andrew Graham-Yool, presente na Galería Sargadelos o seu libro 'Memoria del Miedo', e o mesmo lugar o día 12 presentaranse os volumes 'Secuestro en la embajada. El caso de la maestra Elena Quinteros', de Sara Méndez e Raúl Olivera, e 'Operación Cóndor. Del Archivo del terror y el asesinato de Letelier al caso Berríos', de Samuel Blixen. Como broche ao simposio, o cantautor uruguaio Daniel Viglietti ofrecerá un concerto na Sala Capitol o sábado 13 de maio ás 22.00 horas.