Temas tradicionais e composicións propias integrarán o novo repertorio do Grupo de Música Tradicional do Igaem

Actualizado: viernes, 25 agosto 2006 18:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Grupo de Música Tradicional Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), cunha traxectoria de 15 anos, prepara un novo repertorio para interpretar na súa vindeira temporada de concertos, no que se recollen tanto temas populares e tradicionais galegos, arranxados polos integrantes do conxunto, como adaptacións e composicións de nova creación incluídas nos seus traballos discográficos 'Por ir ao baile' (2004) e 'Alba de abril' (2001).

Así, o Grupo recupera varias pezas tradicionais, como o popular 'Alalá da montaña', especialmente arranxado co obxectivo de respectar e transmitir o carácter "ad libitum" propio do orixinal, e a 'Xota de Louredo', recollida pola Agrupación Xuvenil Xacarandaina da Coruña no lugar de Santo Adrián de Cobres, na provincia de Pontevedra, e interpretada con gaitas e percusión tradicional.

Asemade, tamén está a preparar unha versión de 'Villoria', de Ricardo Courtier, arranxada por Xosé Lois Romero. Esta peza centenaria formaba parte do repertorio habitual do cuarteto 'Os Trinta de Trives', grupo do que Courtier foi o seu compositor e responsable dos arranxos e que destacou pola súa singular formación degaita, requinto, caixa e bombo.

O programa inclúe, ademais, a súa orixinal revisión da 'Alborada galega', de Pascual Veiga, as Muiñeiras de Xinzo e de Florencio, a 'Danza de patelas¡ e a 'Muiñeira dos Areeiras', esta última popularizada polo grupo Os Areeiras de Catoira. Todos estes temas foron gravados polo Grupo de Música Tradicional do Igem para 'Alba de abril'.

O resto das pezas que presentarán en directo na nova temporada atópanse en 'Por ir ao baile', o seu último traballo editado até o momento: 'A Ramallosa' (popular), 'Rumba do Pombal' (Xoán Carlos Rilo) e 'Muiñeira de San Martiño de Ozón' (tradicional), 'Rumba de Juanito do Carballal', 'Sísamo' e 'Maneo de Malpica'