A TVG comeza hoxe un miniciclo de cine dedicado ao lendario director sueco Ingmar Bergman

Actualizado: sábado, 3 junio 2006 12:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) comezará hoxe un miniciclo dedicado ao lendario director sueco Ingmar Bergman, unha das figuras máis destacadas na historia do cine mundial.

Durante a súa extraordinariamente prolífica carreira, que abarca a segunda metade do século XX, Bergman produciu unha obra intensamente persoal, que cambiou en profundidade a forma de pensar da xente do mundo enteiro sobre o cine como medio de expresión.

No amplo conxunto da súa obra, este director de culto escribiu, produciu e dirixiu películas que abarcan dende a comedia lixeira ao drama psicolóxico ou filosófico máis profundo.

Durante 50 anos Bergman explorou unha diversidade de temas. Aínda que pode que fora máis famoso, alomenos nun principio, polas súas lúgubres meditacións sobre Deus, xurdiron tamén inevitablemente outros temas. Deles, os máis importantes foron o papel do artista e a súa fascinación polo universo feminino.

O recoñecemento internacional de Bergman iniciouse con 'A prisión' e viuse aumentado con 'Xogos de verán' e 'Un verán con Mónica', un dos filmes que ofrecerá a TVG neste ciclo. En películas clásicas das décadas de 1950 e 1960, como 'Noite de circo', 'O sétimo selo', 'Fresas salvaxes', 'Os comungantes' e 'Persoa', o director escandinavo inventou unha linguaxe cinematográfica nova e visualmente distinta, que aplicou a temas psicolóxica ou metafisicamente complexos abordados raras veces no cine daquela época.

Entre os numerosos galardóns recibidos polo director sueco, hai que destacar o Oso de Ouro no Festival de Berlín en 1958 e o Oscar á mellor película estranxeira por 'O manancial da doncela' (1959) -outro dos títulos do miniciclo-, 'Como un espello' (1961) e 'Fanny e Alexander' (1982).

'Un verán con Mónica' é o título elixido pola TVG para dar comezo a este ciclo dedicado Bergman. Trátase dunha brillante historia de amor, na que o director sueco amosa unha extraordinaria sensibilidade respecto á natureza e aos cambios das estacións do ano, á luz nórdica e ao verán como símbolo paradisíaco.

A película que consagrou a Bergman, protagonizada por Harriet Andersson e Lars Ekborg, supón unha lúcida e nostálxica reflexión sobre a vida, a rebeldía e os sentimentos levados ao límite. Realizada en 1953, está baseada na novela do sueco Per-Anders Fogelström, que participou no guión xunto a Bergman.

O ciclo terá continuidade o sábado 10 de xuño con 'O manancial da doncela', que narra a tráxica historia de Karin Tore, enviada polos seus piadosos pais a levarlle velas á virxe. Cando Karin cruza o bosque, é violada e asasinada brutalmente por tres irmáns, que con posterioridade buscarán refuxio no fogar dos Tore, sen sospeitar que son os pais da súa vítima.

Ingmar Bergman adopta para esta película un poema medieval sueco con incisión no seu habitual miramento relixioso, baseando o seu relato nunha serie de contrastes ao ubicar a historia da vinganza e a perda da inocencia na confluencia próxima entre o ben e o mal, a perversión e a pureza, a candidez e a crúa realidade.

A fascinante translación fílmica do autor enaltece a simpleza dos feitos, coa súa mestría na posta en escena, no manexo do tempo e nunha absorbente concepción dos planos. 'O manancial da doncela' é un filme excepcionalmente interpretado, como é norma nos títulos de Bergman, e foi galardoado co Oscar á mellor película de fala non inglesa.