A TVG estrea hoxe o telefilme 'A vida por diante', que homenaxea ás mulleres dos mariñeiros

Actualizado: martes, 10 enero 2006 10:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) estreará hoxe o telefilme 'A vida por diante' que, segundo o productor executivo da canle autonómica, Ramón Martínez, representa unha homenaxe ás mulleres dos mariñeiros "que quedan a cargo da familia mentres que os seus homes están fóra". O filme se encadra no xénero do drama, pero con tintes realistas.

A serie emitirase hoxe pola noite, ás 21.55 horas, e estrearase cun capítulo piloto que, segundo explicou o xefe de programación da TVG, Eduardo Galán, é unha "vella forma" de comezar as series televisivas que se recupera dos anos 80 e "servirá para situar aos espectadores na historia".

Pola súa banda, o director de Voz Audiovisual, David Martínez, asegurou que 'A vida por diante' encádrase dentro da aposta da TVG por 'series de calidade' e destacou a importancia de arriscarse por este tipo de series, xa que "é moi complicado" apostar por telefilmes de carácter "non estándar".

Eduardo Galán subliñou, asemade, que se trata dunha serie de "alta calidade artística e interpretativa" e adiantou que haberá "algunha actriz", sen especificar o seu nome, que "dará moito que falar" pola súa actuación.

Asemade, explicou que tratase dun "melodrama con connotacións de filme realista" pero que "fuxe do morbo e da bágoa insistente e fácil". Ademais, engadiu que constitúe unha aposta "cunha moeda de sorte" porque está respaldado polo éxito da serie 'Mareas Vivas', emitida pola TVG, ambientada tamén no mundo dos mariñeiros, aínda que sexan "de corte diferente", puntualizou.

O director do telefilme, Carlos Sedes, indicou que dispoñen de 25 capítulos gravados, que se emitirán en dúas tempadas "como mínimo". A intención é de "non esgotar a serie" como con outras emitidas pola TVG, senón que intentarán mantela en antena o "maior tempo posible".

A primeira emisión terá lugar hoxe a partir das 21.55 horas e tentará chegar "ao maior número de xente" e a un "público diverso" ao que non se atrae habitualmente, segundo precisou David Martínez.