A Universidade da Coruña e Medio Rural colaborarán na recuperación paisaxística dunha parcela no campus de A Zapateira

Actualizado: viernes, 10 marzo 2006 18:03

A CORUÑA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a recuperación da paisaxe e posta en valor dos recursos naturais dunha parcela situada no campus universitario, no monte da Zapateira.

A actuación afectará a uns 25.000 metros de parcela, situada entre a Escola de Arquitectura e as Facultades de Ciencia e de Filosofía. A intención é facer compatible o desenvolvemento urbanístico co mantenemento das actividades agroforestais vinculadas á producción, transformación e investigación da natureza.

O titular de Medio Rural cualificou de "moi orixinal e imaxinativa" a iniciativa da Universidade da Coruña e explicou que o proxecto pretende pór en valor "un novo concepto de ocio e de espazo verde".

Suárez Canal sinalou que a consellería porá a disposición da Universidade da Coruña os seus técnicos, así como os medios materiais e os recursos necesarios, para a realización dos traballos nesta parcela, na que se plantarán especies autoctónas e se eliminará a matogueira e restos de corta.

Así, Medio Rural prestará asesoramento técnico na redacción do proxecto -que terá unha duración de dous meses- e realizará directamente un estudio edafolóxico, a análise dos cursos de auga, selección das especies vexetais e a conservación e preparación do terreo para sementar especies autóctonas e micorrización das mesmas.

Tanto o conselleiro como o reitor aseguraron que ata que non estea rematado o proxecto non poderá concretarse o coste desta actuación. No obstante, sí indicaron que a intención e que os traballos estean rematados no 2007. A Facultade de Ciencias e a Escola de Arquitectura participarán tamén nesta iniciativa, que nun futuro plantexa tamén actuar sobre espacios de carácter agrícola.