Villares asume a Presidencia do CCG coa idea de "afortalar" as funcións de asesoría cultural e de fogar da cultura

Actualizado: jueves, 4 mayo 2006 18:47

Touriño salienta o "modélico" proceso de cambio de presidente no CCG e afirma que esta institución terá un "notabilísimo" papel asesor

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

O historiador Ramón Villares convertiuse hoxe formalmente no novo presidente do Consello da Cultura de Galicia (CCG), organismo constituido hai uns 23 anos, e asumiu o rexer a institución "de maneira que se coloque no tempo histórico no que estamos". Para iso, na súa toma de posesión, apostou por "afortalar" as funcións de asesoría cultural e de fogar da cultura que corresponden a esta institución.

O acto estivo presidido polos titulares da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e do Parlamento galego, Dolores Villarino, ademáis de contar coa participación do anterior presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e do secretario da institución, Henrique Monteagudo, quen foi o encargado de ler o decreto da Consellería de Cultura, do pasado 27 de abril, polo que se nomeaba a Ramón Villares Paz como novo presidente do Consello.

Na súa intervención, o novo presidente do CCG "agradeceu" o seu nomeamento, con especial mención ao seu predecesor no cargo, e declarou que asume o posto "coa mellor disposición e con entusiasmo", pero consciente de que o desempeño da súa labor ao frente da institución precisa "do concurso de moita outra xente".

Así, Ramón Villares manifestou que "conta" cos traballadores do CCG para seguir a facer deste órgano "un proxecto común e ilusionante", pero non desaproveitou a presenza no acto de numersoas autoridades e persoalidades do mundo cultural para demandar tamén o seu "apoio".

Asegurou que, ao chegar á Presidencia do CCG, recibe unha herdanza "da mellor calidade" e expresou o seu propósito de "arrequecer este legado e rexer esta institución de maneira que se coloque no tempo histórico no que estamos", no que, segundo apuntou, "mudaron" os modos de concebir a cultura, as institucións e os axentes culturais, e os soportes.

Villares lembrou que a cultura é "unha das marcas máis evidentes da identidade galega" e resaltou que o Consello da Cultura Galega é "unha peza esencial do entramado institucional do réxime autonómico de Galicia". Asemade lembrou que se trata dunha institución "de mediación entre a sociedade e os poderes públicos" e que os seus piares son o "pluralismo" na súa composición e a "autonomía orgnaizativa" no seu funcionamento.

Tras aludir á responsabilidade e á "lealdade institucional" que debe ter o CCG, confirmou a súa intención de iniciar unha etapa na que é preciso "combinar continuidade e renovación" e enunciou o "plano de traballo, realista pero non carente de ambición", que prentende afrontar.

Segundo Villares, o CCG non explotou todas as posibilidades da súa labor asesora e consultiva e "cómpre afortalar no futuro este ámbito de actuación". Para iso, defendeu adecuar a estructura interna da institución para afrontar os cometidos de "alta asesoría cultural" para cumprirla dende "unha ollada transversal" e, asemade, avogou por convertir á institución nun "fogar da Cultura galega". Tamén apelou á función de promoción da cultura galega e da imaxe de Galicia máis alá das fronteiras, na que admitiu será precisa a "colaboración interinstitucional".

O novo presidente do CCG, quen pediu "paciencia e comprensión" para poder levar adiante o seu traballo, afirmou que o reforzamento da condición consultiva da institución deberá expresarse na elaboración de informes ou documentos de traballo e que a dimensión "de acollida" ou de fogar terá que ver coa organización de foros de debate e outra actividades. Asemade, declarou que "a condición plural e independiente do Consello pode ser un vehículo axitado para a proxección exterior da cultura e dunah nova imaxe de Galicia".

RECOÑECEMENTO A ZULUETA

Neste acto, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, indicou que o CCG vai xogar un "notabilísimo" papel como organismo asesor e consultivo do Gobierno galego en materia cultural. Ademais, expresou o seu convencemento de que a entidade será quen de impulsar debates e reflexións que poidan ter o seu correspondente eco na cidadanía.

O máximo mandatario galego aproveitou a ocasión para salientar o "modélico proceso de transición" ao frente da Presidencia do CCG e para felicitar o labor desenvolvido, durante catro anos por Alfonso Zulueta de Haz, de quen dixo que marcou coa súa impronta persoal, co seu traballo e coas súas iniciativas unha etapa "brillante" e "frutífera" na vida do CCG.

De Zulueta, o xefe do Executivo galego destacou "a súa prudencia, a súa elegancia, o seu ánimo conciliador e o seu talante construtivo". Por todo isto, o presidente galego animouno a seguir poñendo, na súa condición de ex presidente, toda a súa sabedoría e todo o seu bo facer ao servizo desta institución.

Ademais de recoñecer o traallo do ex presidente do CCG, o titular da Xunta destacou a figura de Villares como novo responsable desta institución. Así, apuntou que o novo presidente chega ao seu posto "precedido por unha importante experiencia á fronte de institucións tan decisivas na nosa vida cultural e social como a Universidade de Santiago".

ÓRGANO "PLURAL E INDEPENDENTE"

Touriño cualificou de "enormemente ilusionante" e "fermosa" a tarefa que ten Ramón Villares por diante e expresou o seu convencemento de que este saberá desempeñar esta responsabilidade con "intelixencia", "dedicación" e "amplitude de miras". Engadiu que o Consello da Cultura vén de facer "unha excelente elección" con Villares, "polo seu talante e polo compromiso do historiador co progreso de Galicia e coa construción dunha sociedade moderna, democrática, ilustrada e aberta ao mundo".

Finalmente, o presidente da Xunta defendeu a existencia dun órgano como o CCG como algo necesario para Galicia. Salientou que se trata dun "órgano de traballo plural, independente do goberno e dos partidos políticos", e no que "teñen cabida" todas as sensibilidades culturais.

Ademais, no seo deste organismo, segundo sinalou Touriño, a especialización "non está rifada" coa "necesaria visión global" e a elaboración teórica compleméntase con propostas susceptibles de aplicación práctica. Por todos estes motivos, o máximo mandatario galego sinalou que o Consello da Cultura será un "valiosísimo aliado" da sociedade galega.

AO SERVIZO DE GALICIA

Con anterioridade, o predecesor de Ramón Villares ao frente do CCG, Alfonso Zulueta, lembrou que nos seus 23 anos de existencia esta institución esforzouse, dentro das súas atribucións, en "dar respostas aos requerimientos culturais dunha sociedade en continuo cambio e evolución". Lembrou que o CCG, a través das súas 13 seccións e 14 arquivos, abre "espazos para o estudo, a reflexión e o debate nas máis significativas áreas do coñecemento", fai uso das novas tecnoloxías e, sobre todo, desempeña as funcións consultiva e asesora.

Tras apuntar que a cultura é "alicerce" da identidade galega e "motor do progreso", recolleu o dito no seu día polo presidente da Xunta nun pleno do CCG respecto a que o papel deste organismo debe ser "reavaliado" e "potenciado" como alto organismo consultivo e asesor.

Zulueta quiso despedirse deixando constancia "da fonda pegada que deixan no seu ánimo" os catro anos á fronte do CCG. Aproveitou para felicitar a Villares, a quen desexou "éxitos e realizacións fecundas" ao servizo de Galicia.

O acto formal de traspaso da presidencia do CCG entre Zulueta e Villares tivo lugar hoxe na biblioteca da institución e contou coa participación de máis de 150 invitados. Entre outros, asistiron o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; e o delegado do Gobierno en Galicia, Manuel Ameijeiras, pero tamén estiveron o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, o escritor Suso de Toro ou o actor Candido Pazó.