SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Jul. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Vivenda e Solo fixou a apertura do prazo para solicitar as seis vivendas protexidas rehabilitadas no centro histórico de Vilalba (Lugo), na rúa Manuel Mato, que queda establecido entre o día 2 e o 16 de agosto.
As vivendas adxudicaranse en réxime de aluguer por un período inicial de cinco anos, a partir da súa sinatura, prorrogable por períodos anuais ata un máximo de outros cinco anos, e sen opción de compravenda.
Para facilitar a presentación da solicitude, os interesados achegarán unicamente as solicitudes en impresos normalizados, que estarán a súa disposición desde o día 2 de agosto nas oficinas da Delegación Provincial da Consellería de Vivenda e Sola en Lugo, nos servizos centrais da Consellería en Santiago de Compostela, ou no propio Concello de Vilalba.
As seis vivendas de promoción pública (VPP) rehabilitadas pola Consellería na rúa Manuel Mato, serán sorteadas entre mozos menores de 35 anos cuxos ingresos non superen os 1.200 euros mensuais, -2,5 veces o Índice Público de Rendas de Efectos Multiplicadores (IPREM)-, deben ter a súa residencia en Vilalba, ou desenvolver a súa actividade laboral no Concello cunha antigüidade mínima de dous anos.
A Consellería investiu un total de 535.267 euros na rehabilitación e protección destas vivendas. Todas elas teñen dous dormitorios e dispoñen de rocho e praza de garaxe, e a súa superficie útil vai desde os 64,21 metros cadrados ata os 76,30 metros cadrados útiles, as vivendas máis grandes. O edificio rehabilitado consta de baixo, que alberga aos garaxes e rochos, e de dous andares.
O obxectivo do departamento autonómico dirixido por Teresa Táboas é favorecer ao acceso a unha vivenda de calidade as rendas con máis dificultades, neste caso en réxime de aluguer e tras un proceso de rehabilitación, o que tamén permite contribuír a un desenvolvemento sustentable recuperando patrimonio construído.
Non se da opción de compra porque a consellería considera necesario ter un parque de vivendas protexidas de titularidade pública, e ao entender que dez anos é un tempo suficiente para que as persoas inicialmente beneficiadas melloren a súa situación económica ao ter acceso a unha vivenda alugada de calidade, boa ubicación e a un prezo inferior ao de mercado, e dar oportunidade a que estas vivendas roten entre os posíbeis demandantes. Os beneficiados destas vivendas poden optar a outras promocións de vivenda protexida en réxime de compra.