O xurado da XI edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais dará a coñecer hoxe ao gañador

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 4 febrero 2006 11:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Feb. (EUROPA PRESS) -

Os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mailas fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco darán a coñecer hoxe sábado ao gañador da XI edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, nun acto que se celebrará ás 12.30 horas na sede da Fundación Sotelo Blanco, en Santiago de Compostela.

O premio "Vicente Risco" está dotado con 6.000 euros para a obra gañadora, que publicará Sotelo Blanco Edicións segundo acordo cos organizadores do premio. Coa convocatoria deste galardón para textos inéditos nos que se estude o ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais --antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.--.

Con este galardón tanto os concellos de Allariz e Castro Caldelas coma as fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco pretenden homenaxear a figura de Vicente Risco e axudar asemade á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego.

O xurado estará composto por Teresa Devesa Graña, concelleira de Cultura do Concello de Allariz; Fernando Acuña Castroviejo, profesor da Universidade de Santiago; Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco; Xusto Beramendi, profesor da Universidade de Santiago; e Francisco Fernández Rei, profesor da facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela e académico, que actuará como Secretario.

Contenido patrocinado