20N.- Jorquera (BNG) critica os recortes "en piares básicos do Estado de Benestar"

Francisco Jorquera En A Coruña
BNG
Actualizado: lunes, 24 octubre 2011 19:24

A CORUÑA, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -

O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Francisco Jorquera, denunciou os recortes "en piares básicos do Estado de Benestar", en referencia á Sanidade ou a Educación, e reivindicou a aplicación de políticas de aforro a través da supresión de "gastos improdutivos".

En declaracións aos xornalistas tras reunirse coa Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, no Centro Municipal Asociativo Domingo García Sabell, Jorquera manifestou que a calidade do sistema social público se mide "baseándose na atención aos nenos, aos maiores e aos enfermos a través das políticas a desenvolver en materia educativa, sanitaria e de servizos sociais".

Así, recalcou que "non se pode recortar en políticas sociais, nin en educación en momentos de dificultades económicas" e, fronte a este modelo, avogou por "reforzar" o Estado de Benestar e aforrar no "gasto improdutivo e superfluo".

En concreto, reiterou a proposta do BNG de eliminar institucións como as deputacións, suprimir ministerios, reducir o gasto militar "e realizar unha reforma fiscal que grave máis as rendas máis altas", engadiu.