Cortizo cre unha "tomadura de pelo" culpar ao Goberno da débeda sanitaria e ve un intento de "desmantelar" o sistema

Cortizo, Caballero Y Delfín Fernández Visitan La Nueva Comisaría De Vigo
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 20 junio 2011 16:26

Arremete contra o 'copagamento' e pide recortes "no inútil e suntuario"

VIGO, 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

O delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, tachou de "tomadura de pelo" culpar ao Goberno central da débeda do sistema sanitario, xa que as competencias nesta materia están transferidas, e advertiu do intento "dalgúns pescadores de río revolto" de "desmantelar" o sistema "público, universal, gratuíto e de calidade".

En declaracións aos medios tras realizar unha visita ás obras da nova Comisaría de Vigo, Cortizo lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, veu "botar a culpa" ao Executivo central da débeda sanitaria, e recalcou que, ademais das competencias, as Comunidades Autónomas tamén teñen que asumir "as responsabilidades".

O delegado do Goberno puxo como exemplo de mala xestión á Comunidade Valenciana, onde "se deixan de pagar facturas porque o diñeiro se gasta noutra cousa", como en "aeroportos onde non aterran avións" ou na organización de premios de Fórmula 1. "E logo tárdanse 600 días en pagar as facturas de sanidade. Estamos de broma ou que?", ironizou.

Así mesmo, rexeitou que as administracións se escuden na crise, e denunciou que a sanidade "non é vítima da crise, senón da súa incompetencia", ao tempo que fixo un chamamento ao movemento 15-M porque "nesas cousas é onde teñen que estar os indignados".

"TOMADURA DE PELO"

"Dicir que a culpa é do Goberno é un tomadura de pelo", insistiu, e recordou que foi un presidente socialista --Felipe González en 1986-- o que instaurou a "consigna" dunha sanidade "pública, universal, gratuíta e de calidade". A ese respecto, alertou dun intento por parte de "pescadores de río revolto" de "desmantelar o sistema" e "cargárseo cando cumpre 25 anos".

Finalmente, Cortizo avogou por "recortar no inútil e suntuario, pero non na saúde", ao tempo que tamén arremeteu contra o 'copagamento', recordando que os cidadáns xa pagan os seus impostos. "Que outra parte queren que se pague?", proclamou.