SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Ene. (EUROPA PRESS) -
Uns 1.500 delegados da Confederación intersindical Galega (CIG) "axitarán" nas empresas galegas a folga xeral que o sindicato galego convocou para o próximo día 27 de xaneiro co fin de "parar as medidas regresivas para a clase traballadora" que atribúen ao Goberno central.
Así o manifestou a Europa Press o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, tras a reunión mantida polos representantes sindicais en Santiago de Compostela para abordar o efecto da reforma das pensións.
Neste escenario, Seixo asegurou que "solo a través da mobilización e a axitación" é posible "parar as medidas" que o Executivo socialista toma "con absoluta prepotencia" nun momento no que, ao seu xuízo, a patronal "se sente totalmente amparada".
A convocatoria á mobilización de CIG difire da decisión tomada polos sindicatos UGT e CC.OO, que este xoves descartaron a folga xeral ao considerar que "hai vontade de chegar a un acordo co Goberno e a patronal", en palabras do secretario xeral de CC.OO, Ignacio Fernández Toxo.
A este respecto, o secretario xeral de CIG afirmou que "non se entende" que a estas alturas UGT e CC.OO "non presenten tamén unha convocatoria de folga xeral", ante o que afirmou que, "se realmente quixesen que o Goberno retirase estas reformas terían que tomar unha postura distinta".
"XOGAR COA CONFUSIÓN"
Nesta liña, acusou a ambas as dúas centrais de "xogar coa confusión" pois, segundo denuncia, os dous sindicatos coñecen perfectamente cál é a postura do Executivo acerca da reforma laboral e das pensións".
Finalmente, incidiu en que "o que fan" ao non apoiar a folga é "xustificar a actuación do Goberno para que coloque a idade de xubilación nos 67 anos".