Anfaco ingresou o ano pasado 3,3 millóns de euros polos seus proxectos de I+D+i e servizos tecnolóxicos

Actualizado: viernes, 14 mayo 2010 22:51

VIGO, 14 May. (EUROPA PRESS) -

O Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca, dependente da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), ingresou o ano pasado 3,3 millóns de euros polos seus proxectos de I+D+i e os servizos tecnolóxicos prestados a empresas, universidades e Administración.

O secretario xeral de Anfaco, Juan Manuel Vieites, presentou hoxe os resultados deste organismo en materia de investigación, e destacou que máis da metade deses ingresos proceden de financiamento privado, xa que "as empresas apostan cada vez máis dun xeito decidida pola I+D+i no complexo mar-industria".

No que respecta ao financiamento público, Vieites sinalou que o 90 por cento dos ingresos se obteñen por concorrencia competitiva. Así mesmo, confirmou que, durante o ano 2009, Anfaco-Cecopesca desenvolveu 36 proxectos de I+D+i centrados en aspectos como a calidade e seguridade alimentaria, innovación no proceso, innovación no produto, sostenibilidade ou transferencia de resultados.

Por outra parte, este centro tecnolóxico --que contou con 326 clientes o ano pasado, case todos empresas de conservas e conxelados-- levou a cabo 115 procedementos acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), miles de servizos de consulta, asesoramento, escritos técnicos, xestións para dar de alta produtos en Estados Unidos, e labores de certificación. A isto súmanse as publicacións de artigos, tese ou comunicacións en congresos.

Juan Manuel Vieites tamén fixo fincapé na creación da Unidade de Innovación Internacional, única en Galicia, que contou coa participación de 14 empresas e proxectos. Tamén confirmou que se acometerá no período 2010-2011 a construción do Centro de Tecnoloxías avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria, que se situará nas actuais instalacións de Anfaco e que terá 5.000 metros cadrados