SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Dic. (EUROPA PRESS) -
O arquitecto Carlos J. Meri Cucart dirixirá a obra da nova sede do Centro de supercomputación de Galicia (Cesga) tras gañar o primeiro premio do concurso de ideas para a construción do edificio 'Constelación', que ocupará 3.904 metros cadrados dunha parcela situada no parque empresarial da Sionlla (Santiago de Compostela). As novas instalacións, ás que se dedicarán 25,5 millóns de euros, estarán finalizadas dentro de dous anos dende que conclúan os actuais trámites administrativos.
O xurado, integrado por membros do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Consellería de Vivenda e Cesga, seleccionou a proposta do profesional valenciano entre as 30 valoradas pola súa "calidade arquitectónica", "flexibilidade, "distribución espacial" e as súas solucións para a "ordenación tecnolóxica".
Así o destacaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o director xerente do Cesga, Xabier García Tobío, en calidade de membro do xurado, tras desvelar o nome dos premiados no concurso nun acto ao que tamén asistiron o presidente da entidade, Salustiano Mato, e o coordinador institucional do CSIC en Galicia, Uxío Labarta.
Meri Cucart asumirá a redacción do proxecto técnico e a dirección dunha obra a estrutura da cal se divide en dúas edificacións que abranguerán unha cuarta parte da superficie da parcela. Nelas situaranse os espazos de usos comúns como a biblioteca, auditorio, sala de xuntas, gardaría, cafetaría e conserxaría.
Estes servizos, segundo sinalou o conselleiro, prevén compartir os gastos operativos que se deriven de futuras ampliacións do Cesga e, ademais, do aloxamento de dous novos centros de I+D+i na mesma parcela, o nodo na comunidade galega do Instituto Español de Matemáticas (Iemath) e o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia).
O edificio principal da nova sede disporá de tres plantas e dedicarase ás necesidades específicas do Cesga e, en concreto, á situación das infraestruturas de supercomputación, que contarán con 840 metros cadrados. O resto do espazo reservarase a despachos e os diferentes módulos de traballo.
Segundo recordou Blanco, o obxectivo do seu departamento é "seguir facendo do Cesga unha infraestrutura singular" que permita desenvolver o traballo dos preto de 200 tecnólogos e investigadores que traballarán na sede 'Constelación'. O Centro de supercomputación de Galicia dispón na actualidade duns 60 profesionais en equipo.
MÁIS DE 25 MILLÓNS
A partida presupostaria destinada á construción da futura sede do Cesga ascenderá a 25,5 millóns de euros, dos que a Xunta e o Centro Superior de Investigacións Científicas --socios-propietarios do centro-- achegarán 6,1 millóns, respectivamente. Outros 20 millóns de euros procederán dos fondos Feder --14 millóns de axuda directa e seis de anticipo reembolsable polo Cesga en dez anos--.
Como asegurou o conselleiro, uns 22 millóns de euros dedicaranse á construción da edificación e ao seu equipamento, mentres que a restante achega corresponderá á adquisición dos terreos e a obtención de licenzas de obra.
Blanco subliñou o "salto cualitativo enorme" imprimido polo seu departamento ao Cesga, despois da instalación do supercomputador 'Finis Terrae' --en 2006-- . Neste sentido sinalou que o apoio de Innovación e Industria a este centro se caracterizou por "unha continua mellora", ao incrementarse dende 2004 un 124 por cento os fondos invertidos nel. Ao seu xuízo, a nova sede permitirá dispoñer das instalacións axeitadas para "un centro punteiro".
Pola súa banda, o coordinador institucional do CSIC defendeu que "a inversión substantiva de fondos" confirma o "compromiso" da súa entidade con Galicia e a Xunta, iniciado en 1993. "Son retos que hai que facer para impulsar a investigación" na comunidade, engadiu en relación á nova sede.
CINCO PREMIADOS
Aparte do primeiro premio concedido a Carlos J. Meri Cucart, a segunda distinción recaeu no estudio coruñés Collarte Architects Studio e os tres accésits no Estudio Santos Zas & Graíño Nieto Arquitectos, David Ferrero Antón & Pablo Palomino-Llaguno Calvo e Irisarri-Piñera.
O director xerente do Cesga destacou, como membro do xurado, a disposición espacial xeral e o esforzo á hora de buscar solucións para albergar a tecnoloxía na proposta do segundo galardoado. Tamén se referiu á ordenación xeral, valor arquitectónico e orixinalidade dos tres accésits.