BlueMobility prevé instalar en Galicia 15.000 puntos de recarga para automóbiles eléctricos en sete anos

Actualizado: jueves, 11 febrero 2010 19:04

A empresa galega preséntase en sociedade coa intención de poñer en marcha unha rede "intelixente" que vai máis alá de "simples enchufes"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Feb. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega BlueMobility Systems S.L, encargada do desenvolvemento tecnolóxico e comercialización de redes intelixentes para o abastecemento de vehículos eléctricos, presentouse hoxe en sociedade coa intención de instalar 15.000 puntos de recarga en Galicia nos próximos sete anos para automóbiles que empregan este tipo de enerxía renovable.

Segundo expresou en rolda de prensa o presidente da empresa, Alberto Casal, as previsións para a próxima década de penetración deste tipo de vehículo en Galicia son do 6 por cento do total do parque móbil, o que equivale a 5.000 coches eléctricos, para os a destinarán "tres ou catro puntos de recarga por automóbil".

Nesta liña, Casal sinalou que esta empresa, constituída en xuño de 2009, se basea en "tecnoloxía punteira 'made in' Galicia" e explicou que en xuño de 2010 se presentarán os primeiros modelos físicos de recarga para comezar a instalalos a partir de outubro deste ano, coincidindo coa saída ao mercado estatal de sete novos modelos de coche eléctrico.

Á súa vez, subliñou que estes puntos non serán "simples enchufes" senón que formarán parte dunha rede "intelixente" de recarga de vehículos. Para iso haberá unha comunicación co usuario, recompilaranse datos de consumo e despregarase unha rede "escalable" así como de custo reducido.

Segundo manifestou Casal, será "un sistema doado de usar" que subministrará nunha hora enerxía para percorrer "un mínimo de 100 quilómetros". Todas as unidades dependerán dun centro de control que atenderá á diversidade de estándares da Unión Europea, Estados Unidos e Xapón; así como á adaptabilidade de pagamento e o acceso a diferentes operadores.

Nos primeiros anos, a empresa realizará unha inversión de 74 millóns de euros para a fabricación, mantemento, comercialización e xestión dos dispositivos que forman a rede. Tamén creará 54 empregos directos.

REFERENTE MUNDIAL

Pola súa banda, o director xeral de Industria, Anxo Bernardo Tahoces, subliñou que "a Xunta asume o reto" para a normalización e estandarización deste tipo de enerxía, polo que anunciou que haberá avances nesta materia en "dez semanas hábiles".

Así mesmo, Tahoces incidiu en que o automóbil eléctrico é "o coche do futuro" e mostrou o compromiso da Xunta para que Galicia sexa "un referente mundial" en materia de enerxía eléctrica con propostas como a de BlueMobility.

Ademais, o conselleiro da empresa Bartolomé Campins destacou que este proxecto nace dun grupo de profesionais con perfís complementarios e "cun amplo percorrido no sector da automoción". Ao acto asistiron diversos representantes do sector automobilístico galego, así como o xerente do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, Luis moreno; e o director da delegación galega de informática de El Corte Inglés, Francisco López.

PUNTOS DE RECARGA

Así as cousas, os puntos de recarga instalaranse en diferentes lugares da xeografía galega como aparcamentos, centros comerciais ou vías públicas, para o cal BlueMobility está en negociacións con empresas e concellos.

A xeito de exemplo, un cliente poderá aparcar o seu vehículo nun centro comercial e conéctao a un posto de recarga, tras isto diríxese ao nodo de recarga e introduce a súa tarxeta de fidelización para seleccionar o punto no que acaba de estacionar e comezar así a transmisión de enerxía.

ENERXÍA LIMPA

Unha das cuestións sobre as que se incidiu durante a presentación da empresa foi a posibilidade de achegar unha "enerxía máis limpa" para o medio e reducir así a dependencia enerxética do petróleo.

Neste sentido, unha batería de coche eléctrico ten unha autonomía duns 160 quilómetros o que, a xuízo de BlueMobility, é "suficiente" para o desprazamento entre as principais cidades galegas.

Na actualidade, o 25 por cento das emisións de dióxido de carbono á atmosfera provén do transporte polo que espera que en 2020 o 20 por cento dos vehículos sexan eléctricos.