Caixa Galicia alcanza os 50.000 clientes da súa oficina en internet, cun volume de negocio de 925 millóns

Actualizado: martes, 10 febrero 2009 19:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

On Caixa Galicia, a oficina virtual da entidade galega, alcanzou os 50.000 clientes en 2008 -catro veces máis que hai cinco anos- e posúe un volume de negocio de 925 millóns de euros, segundo informou hoxe a caixa.

Na actualidade o 62 por cento de todas as operacións canalizadas por Caixa Galicia fanse por medio de canles tecnolóxicas (internet, banca telefónica, caixeiros...), fronte a un 38 por cento que se seguen realizando nas oficinas.

Os clientes da oficina virtual son aqueles que teñen contratado algún produto on line e, de media, contan con 2,2 On Productos a través de internet e un volume medio de negocio on line de 18.500 euros.

En total, a oficina virtual da caixa galega conta con 24.500 contas á vista, 34.400 contas de prazo e máis de 5.000 empréstitos e hipotecas.

A oficina virtual, On Caixa Galicia, creouse en maio de 2002 e dende entón ofrece a posibilidade aos seus clientes de contratar en internet unha ampla gama de produtos e servizos financeiros.

Por outro lado, Caixa Activa, o servizo de banca por internet e teléfono para particulares de Caixa Galicia, chegou aos 578.000 clientes. É usado de forma habitual por máis de 100.000 todos os meses, que realizan ao redor de 4.250.000 operacións.

NOVOS PRODUTOS

A oficina por internet da caixa galega acaba de lanzar dous depósitos para captar novos clientes cunha das rendibilidades máis elevadas do mercado, os On Depósitos Extra, que ofrecen ata un 5,1 por cento TAE e teñen un prazo de 3 e 6 meses.

Ademais destes novos On depósitos, a entidade financeira continúa coa súa campaña de captación de nóminas, que ofrece como regalo aos clientes que contratan unha On Cuenta Nómina, a Wii e un Microordenador portátil. Dende o lanzamento desta campaña, a entidade galega conseguiu captar máis de 1.500 nóminas a través de internet.