A Cámara de Vigo crea un programa para implantar o comercio electrónico dirixido a 7.000 micropemes

Actualizado: miércoles, 5 marzo 2008 16:35

O programa inclúe unha aplicación informática de doado uso, accións de mercadotecnia e o certificado dixital

VIGO, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Cámara de Comercio de Vigo presentou hoxe o programa Maspeme Vigo, unha iniciativa que xorde co obxectivo de fomentar o uso do comercio electrónico nas empresas de menos de 10 traballadores e para o que se dirixiu a un total de 7.000 micropemes situadas na bisbarra.

Este programa, enmarcado dentro dunha iniciativa realizada polas Cámaras de Comercio de España dentro do organismo 'Camerpyme' e no que xa participan unhas 3.500 pequenas empresas, incluirá unha axuda económica equivalente ao 60 por cento do custo total dun paquete que inclúe unha aplicación informática para a posta en marcha do servizo de venda a través de internet, segundo explicou o presidente da institución cameral viguesa, José García Costas.

Pola súa banda, o director de relacións institucionais de Camerpeme, Salvador Suárez, explicou que en Galicia "aínda queda moito por percorrer" en canto a facturación electrónica, posto que só o 17,47 por cento de empresas con menos de 10 empregados teñen páxina web e, delas, só o 4 por cento a actualiza habitualmente.

En canto aos principais obstáculos que causan este baixo nivel de implantación, destacou a falta de coñecemento das oportunidades que abren este tipo de servizos, a percepción de inseguridade, ademais da carencia de recursos humanos especializados na rede. Ademais, tamén se referiu ao descoñecemento da necesidade de inversión para a posta en marcha como un dos factores polos que non existe un maior uso das ferramentas 'on-line'.

No entanto, destacou que o comercio electrónico supón unha mellora na competitividade das pequenas empresas posto que permite reducir custos e implantar unha alternativa adicional ao comercio tradicional. Por iso, afirmou que cada vez é maior a variedade de produtos que atopan un oco na rede, como é o caso da alimentación, mobiliario, roupa e produtos de ocio, ademais dos tradicionais, libros, discos e billetes de avión.

APLICACIÓN INFORMÁTICA.

Co obxectivo de paliar estas deficiencias, realizouse o programa Maspeme Vigo, unha iniciativa que permitirá poñer en marcha unha páxina web na que se poida mostrar, de forma sinxela, o catálogo de produtos, a cesta da compra e as modalidades de pagamento 'on-line', así como actualizar os contidos.

Ademais, tamén se inclúen accións de mercadotecnia a través da rede, os servizos de aloxamento e dominio e asesoramento continuo para as dúbidas que se poidan presentar ás empresas que se acollan á iniciativa. O proxecto a desenvolver en Vigo tamén incluirá a posibilidade de creación do certificado dixital, que permite a realización de trámites telemáticos coa Administración e con outras empresas de forma segura.

Salvador Suárez explicou que o custo total do servizo será de 595 euros o primeiro ano e, nas renovacións seguintes estará, como máximo, en 390 euros, sempre "con prezos inferiores ao mercado", aclarou.