O Centro Galego do Plástico desenvolve co laboratorio Oídos Dixitais audiófonos de calibración a distancia

Grazas a este dispositivo un especialista pode axustar o funcionamento do aparato sen que o paciente "saia da súa casa"

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 13 diciembre 2009 14:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Dic. (EUROPA PRESS) -

O Centro Galego do Plástico (CGaP) desenvolve, en colaboración co laboratorio audiológico Oídos Dixitais da Coruña, un audiófono cuxa regulación se realiza a distancia vía Internet por un especialista, o que significa que o portador do aparato non ten a necesidade de desprazarse ata o centro para modificar a nivelación da súa audición.

En declaracións a Europa Press, o director-xerente do CGaP, Elías Bengoa, resaltou o "innovador e interesante" do proxecto, xa que ao seu xuízo, non se trata de crear un novo aparato, senón de achegar outras "facilidades" para persoas con problemas de audición. O CGaP desenvolveu estas próteses auditivas dentro da súa área destinada á enxeñaría do produto.

Con este proxecto, o especialista de audio de Oídos Dixitais realiza dende o seu estudio as modificacións no aparato sen que o paciente "saia da súa casa", explicou. Así, se poden equilibrar, por exemplo, as subidas ou baixadas nos agudos e axustar o aparato para evitar molestias no oído do portador.

Así mesmo, o paciente poderá poñerse en contacto cun técnico asignado sempre que teña algún problema co seu dispositivo. Mediante un software especial, o membro do laboratorio poderá realizar unha verificación do audiófono en tempo real. Ao respecto, Bengoa destacou a fiabilidade do sistema que, segundo dixo, está "completamente comprobado".

Por outra banda, lamentou que este proxecto non puidera acceder a subvencións debido aos "recortes presupostarios" que tiveron os programas sectoriais, aínda que sinalou que a iniciativa xa está a buscar outras fontes de financiamento.

DESEÑO EXCLUSIVO

Ademais, o centro Oídos Dixitais busca ampliar a súa cadea e crear diversas franquías, polo que o Centro Galego do Plástico realizou o deseño exclusivo da cabina individual onde senta o paciente na súa primeira avaliación para trazar o modelo do aparato.

Así, o CGaP desenvolveu unha unidade corporativa formada por un sillón con forma de esfera con diversos elementos, mentres que a creación da parte electrónica corre a cargo de Oídos Dixitais.

Contenido patrocinado