O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo participa na Semana das rexións innovadoras en Europa

Actualizado: domingo, 14 marzo 2010 19:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

O director xeral do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), Eduardo Vidal, viaxa esta semana a Granada para participar na Semana das rexións innovadoras en Europa.

Este evento, que organiza o Ministerio de Ciencia e Innovación, desenvolverase dende mañá e ata o mércores co obxectivo de chamar a atención dos actores políticos e sociais sobre a importancia da competitividade das rexións europeas, aproveitando a Presidencia española da UE durante este semestre.

Así, as xornadas centraranse na necesidade dunha xestión máis eficiente dos recursos dirixida a fomentar a Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación (I+D+i).

Tres conferencias paralelas versarán sobre o uso eficiente dos presupostos comunitarios, o potencial de investigación do programa capacidades do 7PM e as rexións do coñecemento, outro subprograma que ten como meta a avaliación dos resultados e a identificación de boas prácticas.

Entre outros, asistirán a ministra do ramo, Cristina Garmendia; a directora xeral de Cooperación Internacional e Relacións Institucionais deste mesmo departamento, Montserrat Tornei; o director do Espazo Europeo de Investigación da Comisión Europea, Robert-Jan Smits e a presidenta do comité para o desenvolvemento das rexións do Parlamento Europeo, Danuta Hübner.