Ecintec desenvolve interfaces de interacción virtual para integrar en novos espazos comerciais

Busca crear experiencias sensitivas que permitan ler un xornal nunha pantalla xigante con respostas a xestos e movementos

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 21 marzo 2010 19:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Mar. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Ecintec desenvolve interfaces destinados á interacción virtual con usuarios para poder integrar en novos espazos comerciais.

En declaracións a Europa Press, o director de proxectos de Ecintec, Miguel Ángel Castro Fernández, subliñou que os deseñadores da empresa tratan de trasladar os elementos visuais que se empregan por exemplo nun teléfono móbil táctil (imaxes en movemento, elementos sobre os que facer click ou barras de 'scroll') a unha superficie "cen veces maior" que responda a "xestos, movementos, toques e deslizamentos".

"Aquí non falamos de Internet, falamos de experiencias sensitivas en espazos físicos, falamos de poder ler un xornal a tamaño xigante fronte a un cristal nun espazo comercial onde os nosos xestos e movementos xeren interactividade co sistema", subliñou Castro.

Xunto a isto, a empresa conta coa novidade de desenvolver un sistema que permitirá procesar o sinal dun sensor, o chamado Digital signal processing (DSP) "para coñecer concretamente que pasa diante do sensor". Así se poderá saber como é o usuario que permanece fronte ao interface, xa sexa o seu volume ou a situación na que se sitúa respecto á pantalla, tamén se poderán coñecer trazos faciais para saber se se trata dun home ou unha muller.

Así, Castro recalcou que todo iso, abre "un mundo enorme de posibilidades", que permitirá interactuar con elementos "desprazables, xirables, cambiables e coloreables".

O obxectivo da empresa é comezar a comercializar estes sistemas a partir do ano 2011 para a creación de puntos de información e de venda que melloren a comunicación co cliente.

EXPERIENCIA DE USUARIO

"Cando falamos de mellorar a experiencia do usuario ao usar sistemas electrónicos, referímonos ao valor engadido, a que a experiencia sexa memorable", deste xeito explicou o representante de Ecintec o avance de interactividade que se busca ofrecer o cliente.

É por iso que Ecintec intenta resolver de forma "vistosa e viable economicamente" o espazo virtual interactivo mediante unha aposta pola simplificación e a linguaxe da experiencia.

A xeración destes espazos producen, a xuízo de Castro Fernández, unha experiencia "case máxica" como resultado de poder "deslizar un dedo sobre un cristal e interactuar con el".

APROVEITAMENTO ESPAZOS

Segundo explicou o director de proxectos de Ecintec, a rendibilidade e implementación deste tipo de sistemas "virá avalada pola reutilización de espazos non utilizados" para "abrir novas posibilidades na xestión" de áreas.

Neste sentido, Castro sinalou que se podería crear "unha libraría virtual nunha superficie de cristal" sen a necesidade de empregar un volume, senón soamente o material xa existente.

Nestes momentos Ecintec traballa en colaboración cunha empresa para levar á práctica este sistema a través de tendas virtuais que se poderán instalar en centros comerciais.

Contenido patrocinado