Un estudio analiza os factores xenéticos que inflúen no risco de que os adolescentes sufran catarro

Actualizado: lunes, 25 junio 2007 19:16

A análise da USC espera reducir o alto índice de absentismo escolar e o elevado gasto médico que provoca esta doenza

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de investigadores da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela está a realizar un estudio para descubrir como inflúen os factores xenéticos na aparición do catarro común en adolescentes, nun proxecto financiado polo Fondo de Investigacións Sanitarias e pola Xunta de Galicia.

O coordinador da iniciativa, o profesor El Bahi Takkouche Souilamas, da Facultade de Medicina da USC, explicou que o seu grupo de investigación se centra na análise das denominadas enfermidades banais, que son aquelas moi frecuentes entre a poboación, "de pouca gravidade pero de grande impacto sobre a calidade de vida e a economía", como o catarro común.

Nun comunicado, o investigador destacou que "esta infección vírica do aparato respiratorio é a causante dun alto índice de absentismo escolar e dun gasto moi elevado en medicamentos". Para a realización do estudio, dun ano de duración, cóntase cunha mostra de 10.000 mozos de entre 13 e 17 anos, procedentes de case cen institutos de Ensino Secundario de Galicia.

Os investigadores tratan de descubrir tamén se a xenética modifica o efecto doutros factores sobre o catarro, como o consumo de betacaroteno ou a práctica de exercicio físico. No desenvolvemento do estudio, o equipo de investigación céntrase en tres factores que inflúen na inflamación e facilita a entrada do virus ao corpo.

CONDUTAS POSITIVAS

A finalidade fundamental deste proxecto é "descubrir se o factor xenético afecta tamén a individuos que seguen condutas positivas fronte ao catarro, como o consumo de betacaroteno, unha substancia presente en moitas froitas e verduras, que dá cor laranxa ou vermella a laranxas, remolachas ou tomates.

Os investigadores pretenden descubrir se a presenza do factor xenético nun individuo altera os beneficios potenciais desta substancia fronte ao catarro. Tamén estudan a posible alteración doutras condutas positivas, como a realización de exercicio físico ou seguir unha pauta de sono axeitada.

Nun estudio anterior, os investigadores analizaron factores de risco non xenéticos entre o persoal dos centros docentes, concluíndo que o consumo moderado de viño tinto reducía o risco de padecer catarro e que o estrés o aumentaba, mentres que o consumo de vitamina C e de cinc non tiña efecto.