A nova aula de Simulación Médica avanzada do Fegas reproduce casos clínicos reais cun boneco robotizado

Permite practicar con todo tipo de síntomas que se complican ou non en función das accións do alumno e sen risco para o paciente real

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 6 febrero 2009 14:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -

A nova aula de Simulación Médica avanzada da Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS) de Santiago permitirá a formación práctica dos alumnos en casos clínicos reais aos que se poderán enfrontar mediante un boneco robotizado que os médicos programan previamente "con infinidade de variables".

Durante a súa visita ás instalacións deste aula "única" en Galicia, a conselleira de Sanidade, María José Rubio, valorou o "impulso que supón para a innovación educativa" sanitaria, xa que permitirá aos estudantes e profesionais practicar con todo tipo de síntomas "que se complicarán ou non" en función das decisións que tomen e, ademais, "sen que perigue a seguridade de ningún paciente".

Precisamente, a formación consistirá nunha simulación de entre 15 e 30 minutos nun ambiente realista "mediante paneis que sitúan nunha sala concreta" --quirófano, sala de partos--, con todos os instrumentos --radiografías, monitores--, medicamentos e aparatos "necesarios" para atender o caso e coa inclusión dun "actor" que realice o papel de familiar e "incidir na importancia do tratamento máis humano".

Un equipo de tres médicos encargáronse de estudar os casos reais e de introducir as variables do estado do boneco a través dunha aplicación informática, que consta dun minutado que rexistra tanto as accións dos alumnos como os diferentes síntomas que aparecerán minuto a minuto".

Ademais da aula de atención, conta cunha sala de control no que se "monitoriza" a práctica --tres cámaras e unha cuarta coas constantes vitais do boneco-- e cunha terceira na que o resto de alumnos observarán o transcurso desta para "analizala e corrixir erros" unha vez remate.

TIPOS DE CASOS

Segundo explicou un dos coordinadores do sistema, o pediatra Antonio Rodríguez Núñez, a selección de casos médicos realizouse en función das "situacións máis frecuentes coa que se atoparán na súa especialidade médica"; outras "nas que esixirán tomar decisións con rapidez"; ademais de casos "que requiran técnicas de risco".

Así mesmo, as clases e cursos "serán completamente especializados e personalizados" e a grupos "reducidos" de 16 alumnos, que "se"enfrontarán á urxencia "coas súas propias habilidades e sen axuda, como na vida real", precisou Rodríguez.

Así mesmo, sinalou que "todo o que fagan durante a práctica queda rexistrado e gravado en video e mediante o programa informático" polo que "quedarán patentes as decisións e habilidades que demostraría cada alumno ante un caso real".

Durante o ano 2009 e no marco desta iniciativa --Sanidade destinou 60.000 euros-- desenvolveranse oito propostas formativas na área de Pediatría e destinadas á profesionais do ambito hospitalario, residentes, facultativos do PAC, e pediatras de atención primaria.

VISITA A SANXENXO

Por outro lado, a titular de Sanidade visitou as obras do centro de saúde de Vilalonga-Sanxenxo, en Pontevedra, nas que a Xunta inverterá máis de 780.000 euros dos que 60.000 euros se destinarán á dotación de equipamento.

O novo centro pontevedrés prestará cobertura amás de 4.700 usuarios das parroquias de Vilalonga, Noalla e Gondar, a través de tres consultas de medicina xeral, tres de enfermaría, dous polivalentes, unha sala de toma de mostras e outra de espera.

Contenido patrocinado