Os axentes galegos de I+D+i captaron case 8 millóns da UE en 41 acordos de consorcio en 2007 e 2008

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 17 febrero 2009 15:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Feb. (EUROPA PRESS) -

As entidades do Sistema Galego de I+D+i conseguiron, nos dous primeiros anos de execución do VII Programa Marco da Comisión Europea, preto de 8 millóns de euros en axudas a través de proxectos, segundo informou hoxe a Consellería de Innovación.

Das 451 propostas presentadas dende que entrou en vigor este programa en 2007, os axentes galegos formaron parte de 41 consorcios que lograron obter financiamento mediante as diferentes liñas de axuda á investigación e ao desenvolvemento convocadas pola Comisión Europea. Innovación apunta que estas cifras poderían mellorar xa que hai convocatorias que permanecen aínda abertas.

Galicia incrementou nun 41 por cento a súa participación neste VII Programa en relación aos resultados obtidos no anterior, pois pasou de lograr o 0,092 por cento do presuposto total adxudicado pola Comisión Europea --no VIN-- a un 0,13 por cento, co que superou o obxectivo marco para esta comunidade polo Goberno central (que se situaba no 0,170734 por cento).

Os programas que máis solicitudes recibiron foron o de formación de investigadores (PEOPLE) con 79 propostas, o de pymes con 70 e os de TIC, agricultura, saúde, ciencias sociais, medioambiente e nanotecnoloxía.

Pola súa banda, as entidades que máis formulacións achegaron foron as universidades, seguidas por centros tecnolóxicos e o Goberno galego. Destas, a que máis acordos de consorcio asinaron foron a Universidade de Santiago de Compostela (14), a de Vigo (sete), a Fundación para a Promoción da Industria do Automóbil (catro) e a Universidade da Coruña (tres).

FONDO EUROENXEÑO

Innovación explica que, grazas a este aumento, Galicia recibiu en 2007 un total de 206.258 euros procedentes do Fondo euroingenio del Ejecutivo central que premia a aquela autonomías que melloraron a súa participación con respecto á previsión de crecemento.

En aquel momento, Galicia ocupaba a sexta posición entre as oito comunidades que melloraron a súa participación relativa no contexto do Estado, segundo os datos facilitados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). A Xunta, á vista da mellora significativa dos resultados, espera mellorar esta cifra.

Contenido patrocinado