A plataforma I+dea continuará mañá o seu traballo no desenvolvemento de modelos de xestión para a aprendizaxe

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 4 septiembre 2008 14:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega I+dea, continuará a partir de mañá o plan de acción dos seus grupos de traballo co obxectivo de "desenvolver" tecnoloxías e modelos de xestión innovadores para a aprendizaxe virtual así como "identificar" oportunidades tecnolóxicas e de negocio para a industria audiovisual galega.

En concreto, este traballo permitirá ás empresas do sector audiovisual galego desenvolver proxectos consorciados no ámbito das novas tecnoloxías de comunicación audiovisual e que "se beneficien" das novas oportunidades de negocio que ofrecen os novos ámbitos de ocio e consumo multimedia.

Así, mañá terá lugar a primeira reunión do grupo de traballo 'Virtual learning' no que están integradas algunhas das institucións e empresas "máis relevantes" vinculadas á difusión do coñecemento a través das novas tecnoloxías. O obxectivo deste encontro é determinar as prioridades estratéxicas, proxectos e liñas de actuación do grupo que pretende "desenvolver tecnoloxías e modelos de xestión innovadores para a aprendizaxe virtual".

Así mesmo, segundo informou hoxe a plataforma, o próximo día 9 celebrarase no Club Internacional de Prensa de Santiago a reunión do grupo 'Formatos e contidos audiovisuais interactivos' que foi creado co obxectivo de "identificar oportunidades tecnolóxicas e de negocio" para que a industria audiovisual galega aproveite as capacidades de innovación dos novos medios de comunicación dixital.

O grupo, formado por empresas como Factoría Audiovisual, Continental Producións, CRTVG e Voz Audiovisual, entre outras; equipos de investigación das tres universidades galegas; e varias institucións, no seu primeiro encontro determinará as súas prioridades estratéxicas e as liñas de actuación nos próximos meses.

Contenido patrocinado