O Premio Inxeñeiro Comerma recae nunha investigación de Sofía Martínez que interesou á NASA

Actualizado: martes, 8 enero 2008 17:46

FERROL, 8 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Ferrol fixo entrega hoxe de forma oficial do quinto Premio de Investigación Enxeñeiro Comerma, concedido por unanimidade do xurado á pontevedresa Sofía Martínez Vilariño, que estudou Enxeñaría Industrial en Ferrol pero que traballa na actualidade na cidade estadounidense de Houston.

O traballo premiado leva por título "Caracterización de nanomateriais para vehículos espaciais", e trátase dun estudio que analiza as vantaxes de reducir a permeabilidade dos tanques de combustible dos transbordadores espaciais para limitar os riscos de accidente. A investigación permitiu que Sofía Martínez colaborase coa NASA.

Sofía Martínez reside dende 2002 en Estados Unidos, a onde viaxou como beneficiaria dunha bolsa de estudios na Universidade de Nova Orleáns. Despois trasladouse para traballar como investigadora a Houston, á Universidade de Pairé View. Experta en nanomateriais, esta investigadora galega entrou en contacto co centro investigador da NASA Glenn Research, e froito destas relacións, xurdiu o proxecto galardoado co Premio Enxeñeiro Comerma.

Tras ser recibida polo alcalde e os representantes do goberno local, Sofía Martínez recibiu o premio, nun acto celebrado ao mediodía no Concello de Ferrol. Agradeceu o recoñecemento "non só polo prestixio que leva consigo, senón tamén porque premia o esforzo realizado durante todos estes anos", tanto na Escola Politécnica de Ferrol, como nas distintas institucións nas que traballou en Estados Unidos.

Así, Sofía Martínez destacou a "axuda inestimable" dos seus profesores en Ferrol, en Nova Orleáns, e en Houston, e o apoio recibido da súa familia e os seus pais, por ensinar que "se"pode "chegar a ser o que un queira con traballo e dedicación". "Sento moi afortunada e recoñecido o o meu esforzo", admitiu a premiada.

No acto, tamén estivo presente o vicerrector da Universidade da Coruña en Ferrol, Luis Barral, quen destacou que no ámbito universitario galego se está a promover a saída dos investigadores ao estranxeiro, pero "cun obxectivo claro: o retorno". Neste sentido, subliñou que a concesión deste Premio demostra que a Universidade é un dos principais motores de Ferrol de cara ao desenvolvemento da bisbarra.

Non obstante, incidiu na necesidade de cambiar as bases do premio, para promover unha maior participación fóra do ámbito galego. Pola súa banda, o alcalde ferrolano, Vicente Irisarri, resaltou a intención do goberno local de potenciar e publicitar este premio para conseguir elevar a participación na convocatoria.

O primeiro edil asegurou que Ferrol está nun momento no que a cidade "ten que estar moi orgullosa de si mesmo", non solo por iniciativas persoais senón tamén por éxitos colectivos, con exemplos como a venda de tecnoloxía realizada por Navantia a Australia para a construción de fragatas. Así, manifestou a necesidade de auspiciar e potenciar todo o referente á I+D+i, para que a cidade avance con paso firme.

Neste contexto, para Irisarri é importante intensificar as boas relacións entre o Concello e a Universidade, polo que a apelou a esta actitude de colaboración para sacar adiante proxectos con intereses comúns como a futura residencia universitaria.