Unha compañía deseña un xestor de proxectos en castelán e galego para a planificación de tarefas en oficinas

Actualizado: domingo, 8 noviembre 2009 20:25

Está "a punto de lanzar" outra plataforma dixital destinada ao 'e-comerce' cuxa principal novidade é a "fluidez" da páxina

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Nov. (EUROPA PRESS) -

A compañía de deseño gráfico e enxeñaría web Enyiris lanzará a final de ano unha aplicación dixital para a xestión de proxectos en castelán e galego cuxa finalidade será o seu uso na planificación de tarefas de oficinas técnicas e despachos.

O programa funcionará dende unha páxina web na que as actualizacións se farán de xeito automático. Así mesmo, o navegador terá unha interface "moi atractiva para o usuario", destacou o seu xerente, Miguel Castro, nunha entrevista concedida a Europa Press.

Así, explicou que o xestor servirá para que os responsables de despachos de enxeñaría ou arquitectura --por exemplo-- leven a cabo o control dos proxectos, os participantes en cada un de eles, os seus horarios e tarefas asignadas, os custos de cada apartado e a presupostación total.

"Tal e como o estamos a facer, en galego e castelán, non existe no mercado", subliñou Castro e resaltou, ademais, que "a vantaxe" do programa será que, "con tan só abrir o navegador, terás todos os teus datos".

Normalmente, este tipo de plataformas requiren de actualizacións, pero Enyiris garante que, tras a súa contratación, estas se farán "automaticamente". A maiores, a aplicación xa ten procesos marcados e predeterminados, co que a facilidade de uso é "maior" e os custos en tempo e aprendizaxe "menores", sinalou.

VENDA ELECTRÓNICA

Por outra banda, Castro apuntou a Europa Press que a súa empresa está "a punto de lanzar" outra plataforma dixital, neste caso destinada á venda electrónica ou 'e-comerce' para unha sucursal dunha tenda de deportes e outra para unha de produtos electrónicos.

A súa principal innovación é a "fluidez", indicou, xa que se caracteriza por propiedades "novas" en canto ao filtrado de produtos, a rapidez e a inexistencia de saltos de páxinas. "Non recarga páxinas, polo que non hai saltos", detallou.

Así mesmo, conta cun sistema "específico" de administración, de modo que o usuario traballa cunha folla de cálculo e edita "directamente" os datos. Con escribir no documento, a xestión queda rexistrada no sistema, abundou.

Estas peculiaridades tradúcense "nun grande aforro" de custos e tempo de mantemento, recalcou, que son as principais causas de que se deixen de utilizar este tipo de softwares. Ademais, Enyiris pretende que "esa mesma filosofía" se traslade ao dono da tenda.

ENXEÑARÍA E DESEÑO GRÁFICO

Enyiris xunta dúas actividades que o seu xestor viu "contrarias" pero "complementarias" ao mesmo tempo, como son a enxeñaría para o desenvolvemento de software e o deseño gráfico. Con isto, buscan achegar atractivo á "parte visual", así como "unificar características" e integrar a técnica co "espírito metódico e creativo".

"Hoxe por hoxe, ambos os dous departamentos funcionan unidos, pero hai proxectos máis de deseño e outros de realización de soportes", indicou Castro. Calquera dos seus traballos adoita iniciarse cunha reunión creativa denominada 'brainstorming' --chuvia de ideas--, de cara a axilizar procesos e darlles maior valor.