LUGO 23 Dic. (EUROPA PRESS) -
Unha alumna da Cámara de Comercio de Lugo presentou hoxe un proxecto "pioneiro" en Galicia, que consiste na instalación de máquinas expendedoras de leite pasteurizado.
Esta moza, María López, é filla de gandeiros dunha bisbarra do sur da provincia de Lugo e participou nun programa de creación e consolidación de empresas que convocou o ente cameral lucense. Durante un encontro cos medios, avanzou que confía en poñer o seu proxecto en funcionamento entre os próximos meses de marzo e abril.
Tamén detallou que necesita uns 100.000 euros para pasteurizar o leite, comprar unha furgoneta de transporte para manter o líquido nas condicións idóneas de refrixeración e poder comezar con dúas máquinas expendedoras con dous depósitos de 50 litros cada un.
Os artefactos serán de interior e situaranse en pequenos establecementos comerciais. Tras introducir unha determinada cantidade --entre 90 céntimos e un euro--, o cliente poderá encher un recipiente con leite do día.
Con este sistema, María López confiou en que, "en tres anos", este sistema poderá estar a dar beneficios. Ademais, asegurou que a relación calidade-prezo será "óptima", xa que "se poderá adquirir leite cunha calidade que non existe hoxe en día no mercado" e que se poderá conservar na neveira "entre tres e cinco días".