A Universidade de Vigo promove un sistema de control continuo de calidade da auga mediante boias-laboratorio

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 21 febrero 2008 15:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Feb. (EUROPA PRESS) -

A empresa Ecofloat Galicia e once titulados da Universidade de Vigo (UDV) traballan nun sistema de control continuo de calidade da auga en tempo real mediante a instalación de boias con laboratorios no seu interior e un sistema de comunicación que emite un sinal a unha terminal en terra co resultado da análise.

Así o explicou hoxe o director xeral de Ecofloat Galicia, Juan Cruz, quen destacou que "só" esta empresa, con instalacións na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal, "estuda a microbioloxía en continuo da calidade das augas" en tempo real".

Do mesmo modo, relatou que Ecofloat Galicia conta con 15 boias instaladas "de xeito experimental" na Ría de Arousa e avanzou que a empresa está "á espera" de lograr a homologación do seu sistema de control de calidade da auga.

Ademais, anunciou que nos próximos meses se inaugurarán novas instalacións da empresa no tamén coruñés municipio de Santa Uxía de Ribeira, onde se prevé que traballen 30 persoas, na súa maior parte titulados da Universidade de Vigo procedentes das escolas de Enxeñaría Industrial e Telecomunicación.

Co obxectivo de reforzar este vínculo, o reitor da UDV, Alberto Gago, e o presidente do Grupo Bergé --creador de Ecofloat--, Jaime Gorbeña, asinaron dous convenios. O primeiro deles ten como finalidade a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, e o outro prevé a creación da cátedra Ecofloat para deseñar un programa de investigación.

Pola súa banda, Alberto Gago valorou o marco "estable" de colaboración con este grupo empresarial e interpretou que este será "interesantísimo" para os alumnos de Enxeñaría e Telecomunicación, así como para os relacionados coas ciencias e a tecnoloxía mariñas.

Contenido patrocinado