A Xunta e a CRTVG elaborarán unha base de datos on line de topónimos en galego

Actualizado: jueves, 4 septiembre 2008 17:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Sep. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Benigno Sánchez, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha dunha base de datos on line de topónimos internacionais en galego.

Segundo explicou Innovación, esta base de datos abranguerá o nome de todos os países e as súas capitais, as principais cidades, provincias e rexións, ademais dos principais accidentes xeográficos, que constituirán un Atlas Galego on line e para o que o departamento de Fernando Blanco destinará un presuposto de 60.000 euros.

Este proxecto, que se enmarca dentro das actuacións de creación de contidos galegos en internet, permitirá establecer criterios xerais de adaptación ao galego de topónimos estranxeiros e nomes de lugares que empregan alfabetos distintos ao latino, así como regras de lectura para a súa pronunciación.