SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 Feb. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou hoxe que "por primeira vez" as empresas galegas poderán recibir como anticipo o 80 por cento da contía das axudas para I+D+i "sen presentar avais".
En resposta a unha pregunta parlamentaria do deputado do PP José Carlos López Campos, o titular de Industria considerou que esta iniciativa contribuirá a dar resposta ás necesidades actuais do tecido produtivo.
"A Xunta ten que axudar ao tecido empresarial para que Galicia saia da crise, pero tamén para que as nosas empresas melloren a súa posición competitiva", concluíu.
Por outra banda, o conselleiro comprometeuse co parlamentario nacionalista Bieito Lobeira de "diminuír progresivamente" o impacto da subestación eléctrica de Vilalonga (Pontevedra).