SANTIAGO DE COMPOSTELA 5 Dic. (EUROPA PRESS) -
A Xunta de Galicia e a Fundación Telefónica asinaron hoxe un convenio de colaboración para a formación de 200 docentes no uso das novas tecnoloxías (TIC), co que se intentará "saltar a brecha galega", como expresou a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.
O acordo inscríbese dentro do proxecto EducaRed Innova, unha iniciativa da Fundación Telefónica que ten como obxectivo instruír os profesionais da educación nas ferramentas "máis útiles" para a comunidade educativa, en palabras do vicepresidente executivo da fundación, Javier Nadal.
Neste sentido, o alto cargo de Telefónica expuxo a intención por parte da compañía de "contribuír á innovación" e poñer "a disposición das autoridades" os instrumentos que favorezan unha educación primaria e secundaria "de calidade".
Pola súa banda, Sánchez Piñón aludiu ao "salto da brecha tecnolóxica" de Galicia que se pretende con programas como EducaRed e resaltou que o resultado "redundará na formación dos nosos alumnos".
Ademais, fixo referencia á "complexidade actual" nos procesos formativos, polo que plans como este son "moi importantes", ao transmitir aos profesores a importancia do coñecemento das novas tecnoloxías.
No acto da sinatura dixital do protocolo, celebrado no Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago de Compostela, tanto a conselleira como o vicepresidente executivo da fundación agradeceron o "esforzo" e a "acollida" do centro, que durante esta semana acolleu actividades da Semana EducaRed Innova.