O alcalde de Becerreá (Lugo) tras ser expulsado: "Ser socialista é un sentimento e obviamente non mo van quitar"

Actualizado: martes, 24 noviembre 2015 18:28

LUGO, 24 Nov. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Becerreá (Lugo), Manuel Martínez, reivindicou este martes, antes de participar nun pleno na Deputación Provincial, a figura de Felipe González e o dito por este: "Ser socialista é un sentimento e ese sentimento obviamente non mo van quitar, nin esta terceira xeración (de socialistas) nin as que veñan no futuro".

"Estea onde estea, os meus pensamentos, as miñas actuacións no Concello de Becerreá e as miñas actuacións aquí (Deputación) van seguir defendendo o PSOE, ás actuacións e decisións que tome", sostivo en declaracións aos medios.

Non obstante, admitiu a expulsión do Grupo Provincial Socialista. "Non ten recurso porque é unha decisión que tomou o grupo libremente e en función que os membros que queira ter", abundou. "Eu lamento que esta decisión non a tomasen cando deixei asinado despois do 24 de xuño un papel en branco dicindo se querían que estivese ou non", comentou.

"En aquel momento parece que lles interesaba, obviamente isto foi engano tras engano ata a situación na que estamos agora", engadiu despois de que con motivo da moción de censura que desaloxou ao PP da Deputación lle prometesen, segundo recordou, incorporalo á xunta de goberno provincial malia o veto do BNG.

"Manolo Martínez non se vai mover desta Deputación en catro anos", subliñou para aclarar igualmente que aínda non rubricou o "recibín" de documento no que o Grupo Provincial lle comunica a expulsión. "Unha vez que reciba as comunicacións e vexa cual é o contido obviamente vou recorrer", reiterou, aínda que admitiu que "pouco" ten que facer.

Sobre a expulsión do PSOE, aclarou que "ese é outro recibín" que "aínda" non asinou. "Cando o reciba teño dez días que espero que non nolo eliminen como eliminaron outras cousas e vou recorrer todas e cada unha das decisións que poida recorrer, porque obviamente non estou de acordo nin co punto de pasarme ao grupo de non adscritos porqué creo que non hai motivos", comentou.

"MENTIRAS"

Sobre o manifesto de 24 alcaldes de 28 rexedores socialistas na provincia de Lugo de respaldo ao presidente da Deputación Provincial, Darío Campos, e ao grupo incidiu en que "cando reciba a documentación na ponte da Constitución", contestará "a todas as preguntas".

"Non debemos mesturar o que vai acontecer no pleno de hoxe", aseverou. "Son outras mentiras, manipulacións dunhas persoas que eu tiña por decentes, pero que están a demostrar que categoría política teñen moi pouca", concluíu.