O alcalde de Cerdedo-Cotobade cingue a participación municipal na 'cea de mulleres' á cesión do pavillón

Publicado: viernes, 29 marzo 2024 14:34

   Jorge Cubela critica a actuación unilateral e "sen información previa" do Ministerio de Igualdade

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, aclarou que a participación municipal na 'cea para mulleres' investigada por Igualdade por un posible uso fraudulento de fondos contra a violencia de xénero, cínguese á cesión do espazo, o pavillón municipal.

    Nun comunicado co que o Concello sae ao paso da polémica, Cubela tacha de "lamentable" que o Goberno "se dedique a perseguir a actividade dunha asociación de mulleres, en pleno Venres Santo, en lugar de preocuparse por implementar auténticas políticas de igualdade e de combater con eficacia e eficiencia a violencia machista".

    Para o rexedor, trátase de manifestacións "inxustas e sen fundamento" e afea que, "sen contactar con ninguén", o Ministerio eríxase " en xuíz e parte sen solicitar información previa e actuando de forma demagóxica cun tema tan sensible".

    "Parécenos incrible que sexa precisamente o Ministerio de Igualdade quen demonice un encontro organizado por e para mulleres co único fn de crear lazos afectivos, emocionais e de fortaleza nun momento no que a sororidad é máis necesaria que nunca e co que se pretende crear conciencia colectiva", argumenta.

    A este respecto, pregúntase se este tipo de iniciativas non poden ter "carácter lúdico, festivo e reivindicativo". "Seica as mulleres non teñen dereito a reivindicar os seus dereitos ou é que todo neste país ten que estar tutelado desde o Goberno, que é o encargado de outorgar certificados de boa conduta?", lamentou.

    "Con esta intervención unilateral e desmedida parecese que todo o problema da violencia de xénero no noso país pasa pola inclusión dun logotipo do Ministerio nunha actividade organizada por e para mulleres. En fin, unha mágoa querer embazar con mentiras, enganos e manipulacións o labor dunha asociación e un Concello que o único que queren é promover un encontro de mulleres cun obxectivo común que pasa pola fortaleza da unión ante a adversidade e a violencia de xénero", conclúe Cubela.

Contador