Alerta amarela este luns en Ourense e no sur de Lugo debido ás altas temperaturas

Mapa das alertas por altas temperaturas da Aemet.
AEMET
Publicado: domingo, 21 julio 2019 17:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou para este luns a alerta amarela na provincia de Ourense e no sur de Lugo debido ás altas temperaturas.

Os avisos permanecerán activados entre as 13,00 e as 20,00 horas deste luns e os termómetros alcanzarán os 36 graos na zona sur da provincia de Lugo.

Por outra banda, as zonas ourensás do Barco de Valdeorras, Miño e o sur da provincia tamén estarán este luns en alerta amarela con máximas temperaturas de 36 graos entre as 13,00 e 20,00 horas.

A nivel nacional, os avisos meteorolóxicos por risco de altas temperaturas a principios da semana continuarán e activarase a alerta laranxa en zonas de Zaragoza, Huesca, Navarra, La Rioja, Lleida, Jaén, Cáceres, Badajoz e Toledo.