Admite aspectos "criticables" pero destaca que busca "concellos sostibles economicamente" e evitar "duplicidades" na prestación dos servizos
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este xoves que a reforma local que se aprobou a nivel estatal supón a "primeira" modificación da estrutura administrativa e valorou que, malia ter aspectos "criticables", pretende "concellos sostibles economicamente" e evitar "duplicidades" na prestación dos servizos.
Dito isto, na inauguración dun curso monográfico sobre a reforma local na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), expresou o seu desexo de que "nun prazo curto" poida acometerse a modificación da Lei galega de administración local, vixente dende 1997.
O pasado mes de marzo, a Xunta aprobou a norma de medidas urxentes para a aplicación da reforma estatal, pero decidiu non tocar o marco galego ata que se concrete o novo modelo de financiamento autonómico, que se empezará a negociar en próximas datas.
Precisamente a través desta lei pretende a Xunta "mellorar" a reforma estatal, en concreto, eses aspectos que poden ser "criticables" dos que Rueda falou este xoves. Por iso, puxo en valor a celebración de xornadas como a que acolle a EGAP e avanzou que haberá outras que permitan afondar nesta materia.
FACER "ÚTIL E PRÁCTICA" A REFORMA
"Creo que é bo que entre todos analicemos unha reforma que levaba moitos anos esperando para facerse", subliñou, en declaracións aos medios á súa chegada ao acto, convencido da utilidade das conclusións que poidan extraerse.
A partir de aí, o obxectivo é deseñar dende o ámbito autonómico "instrumentos que fagan útil e práctica" a reforma local en Galicia. "Ese é un obxectivo que temos que cumprir entre todos", remachou, consciente de que queda "moita tarefa por diante".
Por iso, na inauguración das xornadas, o vicepresidente galego animou aos presentes --unhas 200 persoas-- a traballar cunha mirada "construtiva" sobre esta lexislación, que leva "catro meses" en vigor, e a súa adaptación a Galicia.
Neste monográfico participarán, segundo detallou a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, "profesionais de recoñecido prestixio" da xustiza, a universidade e a administración local.
Abordarán cuestións "necesitadas de certa precisión", por exemplo, relativas á incidencia da reforma estatal nas facendas locais, a reestruturación do sector público e o emprego público.
OBXECTIVO DA REFORMA LOCAL
Sobre o texto aprobado polo Congreso o pasado mes de decembro cos votos de PP, PNV e UPN, Rueda explicou aos medios que pretende "buscar concellos sostibles economicamente" e "definir ben as competencias de cada administración".
"Ao final, aos veciños o que lles importa é que os servizos estean ben prestados, con independencia da administración que os preste,", interpretou, e avogou por clarificar "entre todos" qué labores corresponden aos concellos e cáles á Xunta e qué financiamento requiren para levalas a cabo.
"Se conseguimos facer iso, que non é nada doado, estaremos a cumprir un obxectivo fundamental", subliñou o tamén conselleiro de Presidencia, para quen "a administración necesita ser reformada, simplificarse e funcionar cos recursos que hai". "Que, desgraciadamente, son moitos menos dos que había hai uns anos", apostilou.