Ana Pontón (BNG) pregunta a Feijóo "cantas persoas máis teñen que morrer" para que se "acaben os recortes en sanidade"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
BNG
Publicado: sábado, 12 enero 2019 17:52

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Ene. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "estar esnaquizando" a sanidade a "golpe de recortes e privatizacións" e cuestionoulle "cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes no sistema público de saúde".

   No transcurso do acto de homenaxe a Castelao celebrado en Rianxo, Ana Pontón fixo referencia así á investigación por parte da Fiscalía en torno ao falecemento de dúas persoas o pasado 2 de xaneiro cando supostamente estaban no servizo de urxencias do CHUS, "colapsado por falta de persoal suficiente". "E isto non se pode tapar con mentiras ou propaganda", agregou.

   "A xerente do hospital --Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, CHUS--, protexida de Feijóo porque é a súa curmá, e o conselleiro de Sanidade sabían o que estaba a pasar e non fixeron absolutamente nada", asegurou Pontón, que preguntou "que máis ten que pasar para que cese o conselleiro", en referencia a Jesús Vázquez Almuiña.

   A portavoz nacionalista volveu tachar a Feijóo de "terminator", non só da sanidade, senón tamén do emprego industrial, ante o seu silencio "sen nada que dicir", cando están en risco 390 postos de traballo en Alcoa. "Como pode ser que non tivese nin un minuto para reunirse cos traballadores, está claro que Feijóo cala porque apoia o plan da empresa que só quere pechar a planta de Alcoa", remarcou.

    Ante esto, tachou de "absolutamente indecente" que nun país no que se produce "enerxía a esgalla" se vaia perder emprego polo prezo da electricidade, e reiterou a demanda dunha tarifa galega.

   Pontón tamén cargou contra Feijóo, ao que acusou de comportarse como "alumno aplicado do anifeminismo", destinando recursos a "grupos que cuestionan o dereito ao aborto, aos colexios que segregan por sexos, recortando as axudas ás vítimas da violencia machista ou boicoteando a folga de mulleres do 8M".

   "Non imos dar nin un só paso atrás" na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra a violencia de xénero, proclamou Pontón, que aproveitou para expresar publicamente o apoio do BNG a "a compañeira Adriana", concelleira en Rianxo que presentou unha denuncia por violencia machista, para que se investigue até o final e con todas as súas consecuencias.

"VIXENCIA" DE CASTELAO

   A portavoz nacional reivindicou a vixencia do ideario do BNG na homenaxe a Castelao no que criticou a quen, nun exercicio de "posverdade" non ten reparo a "manipular" a súa figura para atacar ao seu legado, o nacionalismo.

   Ana Pontón lembrou a súa "emoción" ao poder visitar "a cápsula do tempo" que supón o cuarto de Castelao en Bos Aires, nunha emoción que "nace das necesidades do presente" coa "obrigación de construír un futuro mellor para o país".

   "Con Castelao reivindicamos o seu legado máis importante, o nacionalismo, nestes tempos de confusión, de posverdad, de mentira nos que se deturpan as palabras, é fundamental lembrar que o nacionalismo é o contrario ao chovinismo e do imperialismo, que o nacionalismo é un movemento progresista e democrático que defendemos igualdade de todos os pobos e persoas", reivindicou.

   Nesta liña, enxalzou que "o nacionalismo é o máis cosmopolita que hai, non confundir ser cosmopolita con ser cosmopaleto". "Aínda hoxe é tan potente a súa mensaxe que o españolismo ten necesidade de manipulalo", destacou Pontón, "porque non se pode reivindicar a Castelao e criminalizar o nacionalismo ou prohibir o noso idioma para ensinar matemáticas ou ciencias".

   Ante o busto do histórico nacionalista, instou a defender as ideas de Castelao "para agrandar e fortalecer ao BNG" de cara á cita electoral do 26M" e "abrir un tempo novo en Galicia da man do Bloque".

   De cara á cita electoral fixo un chamamento "a traballar con forza, con convicción e con confianza para fortalecer ao BNG como alternativa a un PP que leva a Galicia ao desastre e para pór freo á involución democrática".

CONCELLOS DIFERENTES

   Na súa intervención, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, convidou a seguir o exemplo de Castelao "polo compromiso ético que representa, exemplo de entrega ao pobo e á nación galega, polo seu defensa do idioma e a cultura".

   Ás portas do 26M mostrou o seu orgullo polas "políticas diferentes" que impulsa o BNG desde os concellos.

   "Non somos meros transmisores doutras administracións, contables autómatas facendo o que nos mandan sen pensar, sen analizar, sen facer política, porque os nosos veciños queren que sexamos altofalantes da liberdade, da xustiza social, do benestar, da defensa da sanidade e do compromiso coa xente", recalcou.

   A tradicional homenaxe a Castelao permitiu á líder do Bloque o compromiso da forza nacionalista na defensa do país, máximo nun contexto de involución, advertiu, "non se combate desde o medo".

   "Non imos dar un paso atrás na defensa de Galicia, nin á hora de cuestionar unha Constitución que é un corsé para desenvolver o país, á hora de cuestionar unha monarquía medieval, de denunciar a corrupción sistémica do Estado español e na defensa do dereito dos galegos a vivir sen discriminacións", concluíu ante medio milleiro de militantes e simpatizantes.