Anova aposta por "relanzar" En Marea tras a "deriva burocrática" iniciada pola actual dirección

Actualizado: sábado, 20 octubre 2018 18:51

A formación "non comparte" os prazos para inscribirse no censo do partido instrumental e pide que a renovación sexa "un punto e aparte"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Coordinadora Nacional de Anova expresou este sábado a súa aposta por "relanzar" En Marea tras o momento de "deriva burocrática" que, ao seu modo de ver, iniciou a dirección actual do partido instrumental, que "dilúe a súa orientación política rupturista e lamina a pluralidade interna do espazo".

Así o expresou a Coordinadora de Anova nun comunicado no que lamenta que En Marea sexa, "na práctica", unha "opción de parte e non no punto de encontro da unidade popular en Galicia". Por todo iso, o partido ve "con especial preocupación" que o debate do próximo plenario, previsto para o sábado 27 de outubro, se centre "en cuestións internas" en detrimento do "necesario debate de ideas".

"O documento político que se presenta non defende ningunha orientación política e estratéxica clara, o que na práctica supón un cheque en branco para que a dirección que salga electa neste proceso poida tomar calquera decisión nun momento decisivo no que hai que revalidar os gobernos municipais e ampliar a rede de mareas municipalistas", expresa Anova.

"NON COMPARTEN" OS PRAZOS

Ademais, din "non compartir" os prazos dados para inscribirse no censo de En Marea: "Se os comparamos cos de procesos anteriores, recortan en case un mes o tempo para darse de alta no censo". Por iso, promoverán, xunto a "outros axentes" do partido instrumental, emendas que permitirán ampliar os prazos "e que ninguén que o desexe quede sen poder participar".

Así mesmo, Anova ve "sorprendente" que o Consello das Mareas "esixa que un organismo superior como o plenario teña que ter unha maioría de dous terzos para introducir emendas ao regulamento" de funcionamento.

"Entendemos que tanto o plenario como o proceso de renovación do Consello das Mareas debe supor un punto e aparte nesta forma de proceder. Debemos recuperar as posicións de ruptura e armar un espazo realmente respectuoso coa pluralidade", sentenza.