Artistas de todo o mundo reúnense no Noia Harp Fest, que se celebra entre o 31 de xullo e o 2 de agosto

Música, Arpa, Instrumento
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: sábado, 20 julio 2019 13:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Jul. (EUROPA PRESS) -

Artistas chegados desde Reino Unido, Venezuela e Senegal, así como de España e Galicia reuniranse na sexta edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia 'Noia Harp Fest', que se celebrará entre o 31 de xullo e o 2 de agosto na localidade da costa coruñesa.

Esta cita anual de arpa en Galicia contará nesta ocasión con representantes de nove países de Europa, América e África. Así, chegarán músicos de Gales, Escocia ou Bretaña (Reino Unido), e tamén de Bélxica, Israel, Venezuela ou Senegal, entre outros, que actuarán nos sete concertos que se levarán a cabo durante os tres días de festival.

Segundo o director artístico do certame, Rodrigo Romaní, esta cita é un deses eventos "que demostran que o público ten moito máis criterio e esixencia do que se pensa". Para el, o Noia Harp Fest é un encontro "que traballa o pequeno formato nunha linguaxe musical que non coincide co patrón típico da música de festa, que manexa argumentos como unha simple arpa e que achega o intérprete ao público na inmediatez do son acústico".

"Un festival que recibe cada ano arpistas de todo o mundo que quedan impresionados pola especial acollida da xente, un festival que pretende situar a creatividade por encima da simple copia industrial, un festival realizado e financiado por unha vila como Noia sen grandes axudas", subliñou Romaní, segundo recolle a organización nun comunicado.

Neste sentido, dous grupos farán a súa presentación en España: 'JMO trío', composto por tres músicos da escena etnojazz chegados desde Senegal, Bélxica e Israel, e 'Compasses', o grupo do artista venezolano Eduard Jiménez. Ademais, a arpa tripla galesa presentarase por primeira vez en Galicia da man de Robert Huw Bowen.

A noite do 31 de xullo o teatro Coliseo Noela acolle o concerto inaugural coa nova arpista granadina Sara Esturillo, que estará acompañada polo 'Cuartero Novecento'. Antes tamén actuarán Raoul Moretti, Ángel e Luís Tolosa, estes dous últimos comezarán ás 20,00 horas en Santa María a Nova.

O día 1 os concertos tamén comezarán ás 20,00 horas con Cheyenne Brown, do mesmo xeito que o venres 2, que contarán con Robin Huw Bowen para abrir a noite do último día do Noia Harp Fest, que pechará co concerto de 'Sunstep Duo' e 'Compasses'.