As empresas de autobuses atribúen "decisións erráticas" á Xunta e reiteran o "rexeitamento xeral" ao seu plan

Publicado: lunes, 19 junio 2017 15:15

Ven "imprescindible" a paralización do documento para que se retome a súa elaboración "con rigor, calma e profesionalidade"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

As federacións de transporte de viaxeiros en autobús en Galicia Anetra, Fegabús e Transgacar atribuíron á Xunta "decisións erráticas sobre horarios ou formatos das reunións co sector", tras o cambio "unilateral" do encontro fixado para este luns a tres bandas, que a Consellería de Infraestruturas converteu en dúas citas por separado con sindicatos, primeiro e patronal, despois.

Tras o plantón da mañá das centrais, este tres federacións, que aseguran representar ao 90% das empresas afectadas, tamén trasladaron á consellería a súa "imposibilidade" de asistir á cita posto que os representantes empresariais tiñan "case para a mesma hora" outro compromiso "ineludible". Pola súa banda, Fegatravi non se pronunciou.

En canto a Anetra, Fegabús e Transgacar, a través dun comunicado de prensa, reiteran que existe unha oposición "xeral" ao plan de transportes que preparou Infraestruturas e indican que as mencionadas "decisións erráticas non parece que poidan cambiar ese rexeitamento" á iniciativa autonómica.

Do mesmo xeito que as organizacións sindicais, estas federacións enviaron un escrito ao departamento autonómico no que apuntan que botaron "en falta unha explicación", non tanto da modificación "como da súa decisión de convocar separadamente a sindicatos e empresarios".

"Entendemos que sería lóxico aclararnos ese cambio de criterio, que contradí o acordado o pasado venres sobre a necesidade de buscar entre todas as partes e de maneira conxunta unha solución administrativa factible para reconducir o conflito derivado do novo plan de transporte público", subliñan.

Insisten na súa postura sobre a "imprescindible paralización" do novo plan de transporte público da Xunta de Galicia e que se retome a súa elaboración "con rigor, calma e profesionalidade".

MANTEÑEN A SÚA OFERTA

Avogan por realizar "un traballo de campo previo que reflicta a realidade e dea resposta ás necesidades do sector, tanto para empresas como para traballadores e usuarios".

Neste sentido, manteñen a súa oferta de "seguir atendendo os servizos a partir do mes de agosto" --cando terían efecto as decisións das empresas de deixar de prestar os servizos pola súa "nula rendibilidade"-- para "dar tempo" a iniciar a elaboración dun proxecto alternativo.

O pasado venres, no encontro sostido entre sector e administración, lembran, "comprobouse o soa que está a Xunta na defensa do seu plan", tendo en conta que tamén as Anpas mostraron "as súas dúbidas".