As empresas galegas gastan máis de 364 millóns de euros en TIC, un 80% máis

Computador portátil
PIXABAY/CC - Archivo
Publicado: sábado, 20 abril 2019 12:57

Unha de cada dez compañías de 10 ou máis traballadores utiliza Big Data e máis do 15% das microempresas conta con Internet de 100 Mbps

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

O gasto total en TIC das empresas galegas durante o 2017 superou os 364 millóns de euros, o que supuxo un aumento de máis de 162 millóns de euros, é dicir, un 80% máis respecto ao ano anterior. Este incremento rexistrouse en todos os segmentos, tanto na compra de bens TIC, como de software ou na contratación de servizos e consultoría tecnolóxica.

Son datos recollidos no informe 'A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia' correspondente ao ano 2018, publicado este sábado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este estudo analiza a integración do TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 200.801 empresas, 1.878 máis que o ano anterior, das que o 96,2% son microempresas, con menos de 10 traballadores.

INTERNET

Por unha banda, a práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores ten contratado conexión a Internet. Entre as microempresas, a porcentaxe sitúase no 68,3%, experimentando un crecemento do 9% no último ano.

Así, o 32,7% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia e o 15,3% das microempresas conta con velocidades iguais ou superiores a 100 Mbps. No último ano, as velocidades de conexión a Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron un 57,7% entre as microempresas e un 11,6% nas empresas de maior tamaño.

Con respecto á banda ancha móbil, cabe destacar que catro de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores acceden a Internet utilizando banda ancha móbil e nas microempresas este dato alcanza xa o 72,2%, aumentando en tres puntos no último ano até converxer coa media estatal.

WEB E REDES SOCIAIS

Neste último ano, a dispoñibilidade de páxina web entre as pequenas compañías galegas creceu 4,7 puntos porcentuais e situouse no 30,9% dos casos. Nas empresas de maior tamaño esta cifra mantívose en niveis semellantes ao ano anterior.

"En canto a redes sociais, cabe destacar que a porcentaxe de empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia que as emprega (52,7%) supera a media estatal (51,8%)", subliñou a Xunta nun comunicado.

Unha das principais utilidades de Internet, segundo as propias empresas, é a de dirixir publicidade cara un colectivo concreto. A publicidade dirixida na rede aumentou entre as microempresas 3,7 puntos no último ano e situouse no 11,5%, superando tamén a media estatal.

As vendas por Internet aumentaron nas microempresas da Comunidade en 2,2 puntos. No caso das empresas de 10 ou máis traballadores, este tipo de distribución superou o 18%.

IMPRESIÓN 3D E ROBOTS

Pola súa banda, unha de cada dez empresas galegas de máis de 10 traballadores utiliza Big Data. Con todo, as fontes de datos que se empregan para a análise difire segundo o tamaño da mesma: nas microempresas destacan os datos xerados por medios sociais e nas empresas grandes con actividade en Galicia destaca o emprego de cifras da propia empresa, captados con sensores ou dispositivos intelixentes.

A transformación dixital que experimentan as firmas tradúcese na medición de novos indicadores. Así, por primeira vez, esta enquisa informa sobre a dispoñibilidade de impresión 3D, que emerxe entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores, (3,7%).

No relativo ao uso de robots, obsérvase que é unha ferramenta utilizada polo 13% das empresas de 10 ou máis empregados, valor por encima da media estatal (11%).

ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

"A interacción coas administracións públicas a través de Internet conta cunha ampla implantación nas empresas galegas: o 93,3% no caso das empresas de 10 ou máis persoas e tres de cada catro no caso das microempresas, 0,4 puntos porcentuais máis, superando a media estatal", indicou o Executivo galego.

A seguridade é un tema de "vital importancia" a nivel empresarial. No 2018, o 85,3% das empresas e o 41,6% das microempresas galegas empregaban sistemas de seguridade.