Actualizado 09/06/2010 23:14 CET

A Asociación de Ensinantes de Ciencias rexeita "por unanimidade" o decreto do plurilingüismo

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Jun. (EUROPA PRESS) -

A asemblea da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (Enciga), celebrada esta semana, rexeitou "por unanimidade" o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, aprobado en Consello da Xunta e que se aplicará durante o próximo curso.

Con máis de 650 socios e 22 anos de traxectoria, a entidade considera que o decreto "supón unha imposición aos profesores" do "uso do castelán", tras lamentar que, "en vez de promover o uso do galego como sería razoable nunha comunidade cunha lingua propia, se promoven leis que a desprotexen".

"Ningunha razón científica pode argumentar unha deficiencia por utilizar o galego para falar de Ciencia", sinala a asociación no seu manifesto, tras denunciar que o idioma propio de Galicia quede "practicamente fóra do sistema educativo, polo menos de moitas materias" deste área.

"Por todo isto, consideramos razoable e apoiamos a decisión do profesorado que se ten manifestado publicamente no sentido de non aceptar a substitución do galego polo castelán nas súas aulas", conclúe.