A Audiencia da Coruña require aos condenados polo 'Prestige' o pago de case 2.500 millóns

Actualizado: viernes, 1 marzo 2019 17:52

A CORUÑA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

   A Audiencia Provincial da Coruña esixiu este a os condenados na sentenza do 'Prestige' o pago das cantidades fixadas no fallo, nunha resolución notificada este venres, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

   Na resolución establécese unha contía "sen limitación" para o capitán, Apostolos Mangouras, como responsable civil principal, e para a propietaria do barco, Mare Shipping Inc., como responsable civil subsidiaria, "ante a máis que razoable certidumbre de insuficiencia de bens do responsable principal, dada a contía global da débeda de autos".

   Para a aseguradora, The London Steamship Owners Mutual Insurance Association (The London P&I CLUB), fixa un límite de 855.493.575 euros, descontada a cantidade de 22.777.986 euros consignada, mentres que para o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos a Contaminación por Hidrocarburos 1992 marca o límite en 27.986.264 euros, descontadas as sumas xa abonadas a prexudicados (120.738.452 euros).

   A Audiencia establece, por agora, o total da execución da sentenza en 2.495.429.706 euros (1.441.562.943,18 de principal; 392.923.977,98 de intereses moratorios; 87.144.811,63 de intereses procesuais; 573.797.973,25 de intereses, costas e gastos de execución).

   Por outra banda, a suma de 2.121.084,15 euros depositada a disposición do tribunal por Repsol Petróleo após a venda do fuel aplicarase, previa dedución de gastos, ao pago das indemnizacións dos prexudicados a prorrata das cantidades fixadas na resolución notificada este venres.

   Contra a orde emitida pola Audiencia Provincial da Coruña, despois de que finalizase esta semana o prazo de pago voluntario, non cabe recurso algún, segundo explica o alto tribunal galego.

FALLO DO SUPREMO

   En decembro de 2018, a Sala Segunda do Tribunal Supremo ditou a sentenza definitiva sobre a responsabilidade civil derivada da catástrofe do Prestige, fixando indemnizacións por importe superior aos 1.500 millóns de euros a pagar polos responsables civís da traxedia ao Estado español --como principal prexudicado--, o francés, a Xunta de Galicia e outros 269 afectados pola vertedura, entre particulares, empresas, mancomunidades, concellos e sociedades.

   En concreto, a sentenza sinalaba ao Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos a Contaminación por Hidrocarburos (FIDAC), o capitán do buque, Apostolos Mangouras, e a aseguradora The London Owners Mutual Insuranse Association, como responsables directos do pago das indemnizacións, e a propietaria do barco, Mare Shipping, como responsable subsidiaria.