Baixa a 6 o número de hospitalizados do Marisquiño, ao ser dados de alta dous feridos

Publicado: martes, 14 agosto 2018 19:10

VIGO, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

O número de persoas hospitalizadas tras resultar feridas no derrube dunha dársena no Porto de Vigo, durante a celebración dun concerto do festival O Marisquiño, descendeu a 6, ao seren dados de alta este martes dous dos ingresados.

Así o trasladaron fontes da Consellería de Sanidade, que concretaron que as altas foron dadas a dous pacientes que estaban ingresados no hospital Povisa. Segundo a última actualización, en Povisa segue ingresada unha persona ferida, mentres que outras catro están no Álvaro Cunqueiro (unha delas na UCI), e outra máis no Hospital Universitario de Santiago, onde foi trasladada desde a cidade olívica por razóns de proximidade ao seu domicilio.

Por outra banda, segue aumentando o número de persoas que se achegan aos centros sanitarios para recibir atención tralo accidente. Así, o número de persoas atendidas por feridas de diversa consideración até as 18,00 horas deste martes ascendía a 442.

A maioría delas, 199, foron atendidas no Hospital Álvaro Cunqueiro, 109 en Povisa, 57 na PAC de Vigo, 26 en Fátima, 24 no punto de atención do 061, 11 no hospital Montecelo, 4 en Domínguez, 4 na PAC de Redondela, 7 en El Castro, e 1 en Concheiro.